top of page

Ánxeles Vázquez visita Toques para falar das axudas para as redes de abastecemento e de saneamento

Este Concello o ano pasado beneficiouse dunha subvención da Xunta de 5.808 euros para tal fins

Laura Moure/Toques

A Xunta de Galicia acaba de convocar dúas ordes de axudas por un importe global de 5 millóns de euros —2,5 millóns cada unha— dirixidas a apoiar a entidades locais de menos de 20.000 habitantes na execución de diferentes actuacións co obxectivo de mellorar o funcionamento das súas redes municipais de abastecemento e de saneamento. Durante unha visita a Toques para dar a coñecer estas achegas, publicadas o venres no Diario Oficial de Galicia, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que os concellos interesados terán un mes a partir do vindeiro 23 de abril para presentar as súas solicitudes e optar a achegas que, como máximo, poderán ser de 45.000 euros por actuación e cubrir o 100% dos investimentos subvencionables.

En concreto e co fin de darlle continuidade ao traballo realizado nos concellos que xa contan cunha auditoría sobre o estado das súas redes de abastecemento, a responsable autonómica salientou que Augas de Galicia vén de convocar por segundo ano consecutivo axudas para financiar obras que optimicen as traídas municipais e reduzan ao mínimo as posibles perdas de auga.


Este é o caso de Toques, un concello que, precisamente, o ano pasado se beneficiou dunha axuda da Xunta de 5.808 euros para realizar unha análise detallada do seu sistema de abastecemento así como das actuacións que serían necesarias para mellorar o seu funcionamento actual. Por iso, Ángeles Vázquez animou ao alcalde a seguir adiante nesa liña de traballo e aproveitar a nova convocatoria de subvencións de Augas de Galicia para intentar poñer en marcha as melloras sinaladas na auditoría.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Neste sentido, cómpre subliñar que se estima que coa implementación do plan completo de actuacións proposto no municipio para os próximos anos se podería chegar a reducir á sexta parte as actuais perdas e fugas de auga potable, o que suporía unha notable mellora na garantía do abastecemento para os case 1.100 veciños de Toques.


A maiores, a conselleira explicou que as entidades locais de menos de 20.000 habitantes con proxectos para mellorar o funcionamento da súa rede de saneamento tamén poderán solicitar este ano axudas para executar obras que reduzan as infiltracións de augas brancas (auga limpa de orixe natural que chega á rede e hai que depurar). Cun límite neste caso de 45.000 euros por subvención, este tipo de achegas contribúen a incrementar a calidade e a eficacia de todo o sistema de depuración e o cumprimento dos obxectivos ambientais nun escenario de cambio climático.


Máis de 15 M€ en achegas desde 2019

O compromiso da Xunta co proceso de mellora dos sistemas de abastecemento, saneamento e depuración municipais tradúcese desde hai anos nun esforzo continuo por apoiar ás administracións locais e ás comunidades de usuarios particulares na optimización dos sistemas de xestión dos recursos hídricos para acadar os obxectivos establecidos no Perte de dixitalización do ciclo da auga.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Esta colaboración plasmouse no período 2019-2024 en máis de 15 millóns de euros canalizados a través de diferentes ordes de subvencións, cunha media de arredor de 125 axudas anuais concedidas e prestando sempre nas sucesivas convocatorias unha atención especial ás necesidades dos municipios máis pequenos e ao rural galego.


A necesidade deste apoio económico por parte de Augas de Galicia resulta se cabe máis importante nunha comunidade como a galega, caracterizada por unha gran dispersión e que supera os 30.000 núcleos de poboación, máis da metade dos que hai en toda España; unha realidade territorial complexa e dispersa que conformou uns sistemas de abastecemento e de depuración tamén difíciles de xestionar. Neste sentido, Augas de Galicia segue intensificando o seu apoio para mellorar a calidade dos servizos hidráulicos na Comunidade, como demostra a contía reservada ás nove liñas de axudas que convocará este ano (por máis de 8,5 millóns de euros) e que practicamente duplica os fondos distribuídos en 2024 a través de subvencións. 



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page