A asociación A Pinguela de Bama afianza as súas actividades por sétimo ano consecutivo recuperando a cultura galega
Laura Moure/Touro
A asociación A Pinguela de Bama no concello de Touro vén realizando dende o ano 2017 actividades vencelladas á posta en valor da música e o baile tradicional galego. Con máis de 60 alumnos e alumnas de todas as idades, na actualidade conta cunha escola de música e baile tradicional onde crianzas e maiores participan en clases de diferentes niveis de gaita, percusión (tambor e bombo), pandeireta e canto, baile, acordeón e debuxo e pintura.
Publicidade
No ano 2022 a foliada que organiza pasou a denominarse a "Morada de Bama". As pescudas realizadas no marco do proxecto “Dende a cociña” sacaron á luz este termo,
“morada”, para referirse a uns bailes que se facían en varias parroquias da zona de Touro a comezos do ano. Normalmente comezaban a finais de xaneiro, cando xa medraban algo os días, e duraban ata o Entroido.
Estas festas tiñan lugar os domingos pola tarde ao longo de varias semanas e nelas
tocaba un grupo de gaiteiros, pagado co diñeiro que recadaban os mozos cando saían a cantar a Panxola e os Reis durante o Nadal.
"Temos documentado a realización de moradas nas parroquias de Bama e Loxo (en
Touro) e tamén na parroquia da Lavacolla (Compostela) ata os anos 60-70. Para non perder este termo (que non se recolle con este significado nos dicionarios) a asociación organiza esta VII Morada de Bama, “a foliada de sempre con nome propio”", explican dende a asociación.
"Este ano continuaremos con esta tradición celebrando a VII Morada de Bama o sábado 11 de maio no campo da festa de Bama dende as seis da tarde. Teremos música, baile, cantina con comida e bebida, varios sorteos e xogos populares para as crianzas".
Publicidade
Por segundo ano consecutivo a xornada festiva contará cun espazo de artesanía pola tarde con actividades para toda a familia, patrocinado por Deleite, e tamén contamos coa
Pulpería Constante para a cea.
Kommentarer