top of page

Vilariño e Fiúza pedirán no Pleno da Mancomunidade Terras do Deza o rexeitamento a Altri

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Os nacionalistas condenan a actuación da Xunta de Galiza neste proceso "por antepoñer os intereses dunha empresa privada portuguesa aos intereses da sociedade galega"


Ecos da Comarca/Deza

Francisco Vilariño (BNG Lalín) e Alex Fiúza (BNG Vila de Cruces) representantes do BNG na Mancomunidade Terras do Deza, ao abeiro da lexislación vixente, presenta para o seu debate e se procede, aprobación dunha moción relativa a amosar o rexeitamento do pleno ao proxecto de construción da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.


Sinalan que "o proxecto de construción dunha macrofactoría de pasta de celulosa no concello de Palas de Rei, impulsada pola Xunta do PP e a empresa portuguesa Altri, acendeu todas as alarmas da sociedade galega cando se soubo que a empresa escollera Galiza para se instalar como segunda opción, unha vez que non lle era posíbel facelo en Portugal. Nun primeiro momento presentouse este proxecto como unha iniciativa centrada na produción circular de fibras téxtiles, mais pouco despois púidose comprobar que o propósito real era a fabricación de pasta de celulosa soluble (máis do 70% da produción) destinada en gran parte á exportación".

Este proxecto industrial recalcan "tería consecuencias devastadoras para o territorio e o medio ambiente, non só na comarca da Ulloa, Arzúa, senón tamén en toda a Ría de Arousa, nas localidades que se abastecen do río Ulla e evidentemente nos concellos da nosa Comarca do Deza. A extensión da factoría, que ocuparía 366 hectáreas e que prevé a ocupación de case un millón e medio de metros cadrados, incluíndo unha cheminea de 75 metros de altura, tería un impacto paisaxístico irreparábel. A nova factoría requiriría inxentes cantidades de auga do río Ulla e provocaría vertidos de augas residuais altamente contaminantes, o que afectaría á calidade das augas e á biodiversidade tanto do Ulla como da ría de Arousa. A actividade económica e o emprego na zona tamén sufrirían un impacto negativo, que non se compensaría para nada coas promesas e cantos de serea da Xunta de Galiza sobre a posíbel creación de emprego desde empresa

pasteira".


O mesmo acontecería, apuntan, coa economía e os sectores produtivos de toda a ría de Arousa, "pois a vertedura de 30.000 metros cúbicos diarios de auga contaminada tería unha afección clarísima na calidade das augas dunha ría que xa está vivindo neste momento unha crise produtiva sen precedentes".


"O impacto ecolóxico deste proxecto é alarmante, dado que a zona está en proceso de

ampliación da Rede Natura 2000 e alberga hábitats e especies en perigo de extinción. As

emisións contaminantes representarán un risco para a saúde pública, a calidade dos solos e o uso residencial na área circundante. Ademais, o proxecto ameaza a protección do Camiño de Santiago e outros bens culturais da contorna. Unha nova pasteira no corazón de Galiza agravaría o grave problema que xa sofren os montes galegos, condicionando aínda máis a política forestal e afondando na expansión descontrolada do eucalipto, cando o que realmente se precisa é reverter a situación xerada polo modelo da Xunta do PP da man de ENCE na ría de Pontevedra".


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

E lembran que a Xunta de Galiza do PP vén de outorgarlle a este proxecto a autorización de impacto ambiental, "consumando así unha traizón a Galiza sen precedentes, poñendo por diante dos intereses da sociedade galega os seus intereses propios e os dunha empresa portuguesa, da que, ademais, é socia a exconselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato. O papel do Partido Popular neste comarca non foi distinto ao de Galiza, protagonizando a foto da vergoña este pasado mércores, cando distintos cargos e alcaldes deste partido foron ao Parlamento para apoiar a postura de Rueda no debate sobre Altri. A pesar disto, o proxecto de Altri aínda non conta coa luz verde ambiental. Faltan procesos decisivos como a Autorización Ambiental Integrada ou a concesión da captación de auga no encoro de Portomouros, entre outros. É agora cando máis cómpre que o conxunto da sociedade galega se mobilice e reitere o seu rexeitamento rotundo a un proxecto que atenta de forma clara contra a saúde e o futuro de miles de galegas e galegos".


Polo anteriormente exposto, o BNG presenta para a súa aprobación polo pleno da

Mancomunidade Terras do Deza esta moción, propoñendo a adopcións dos seguintes


ACORDOS:

1. Expresar a oposición da Mancomunidade á megacelulosa contaminante de Altri, "dado que perpetúa un modelo de dependencia e explotación, fomenta a expansión da plantación de eucalipto e ocasionaría diversas repercusións negativas para todo o país, para as comarcas próximas á megafactoría como é a nosa, así como para o río Ulla e a ría de Arousa".

2. "Condenar a actuación da Xunta de Galiza neste proceso por antepoñer os intereses dunha empresa privada portuguesa aos intereses da sociedade galega".

3. Solicitar ao Goberno do Estado "que non traizoe a Galiza outorgándolle fondos públicos á empresa portuguesa Altri para a construción desta macrocelulosa en Palas de Rei".

4. Dar traslado destes acordos á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page