top of page
Foto del escritorLaura Moure

Varias Unidades de Saúde Mental do Sergas alcanzan os 12 meses para a 1ª consulta en Psicoloxía Clínica

O Colexio de Psicoloxía estima que se precisan 100 novas prazas para especialistas en Psicoloxía Clínica para a súa implementación na Atención Primaria.


Laura Moure/Xeral

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) traslada a súa preocupación pola prestación de Psicoloxía Clínica no Servizo Galego de Saúde, que supera os seis meses de espera para unha primeira consulta en todas as áreas sanitarias, a excepción de Pontevedra. Mentres, o Plan Estratéxico de Saúde Mental xa venceu en 2024 e aínda non hai novas sobre o seguinte, nin avaliación do rematado. 


Explica que os tempos de espera para a primeira consulta en poboación adulta van desde un mes na EOXI de Pontevedra, ata os 11-12 meses en Santiago de Compostela (na cidade, mentres que nos demais centros esa demora se reduce ata os 4 meses), ou os 9 -12 de Vigo. As sucesivas consultas tampouco teñen uns prazos eficaces para o tratamento psicolóxico, xa que en Vigo superan os 6 meses e nalgunha unidade desta área sanitaria chega a un ano; e na maioría das unidades se sitúan entre os 3 e os 5 meses, cando esta temporalidade debería permitir prazos máis reducidos para mellorar a eficacia dos tratamentos.

Como exemplo, segundo a Guía de Práctica Clínica para o Manexo da Depresión no Adulto, promovida polo Ministerio de Sanidade, no caso da depresión leve-moderada recoméndase un tratamento psicolóxico breve de 6 a 8 sesións durante 10-12 semanas; mentres que na moderada indícanse de 16 a 20 sesións repartidas en 5 meses, en ambos casos cunha duración de 50 minutos. A periodicidade semanal-quincenal que estima eficaz e recomendable esta guía resulta inviable en todas as áreas sanitarias da Comunidade.

 

En canto á poboación infantoxuvenil, as esperas para a primeira consulta sitúanse polo xeral entre 3 e 6 meses, un horizonte temporal semellante para as seguintes consultas, se ben resulta especialmente preocupante o caso de Ferrol, onde se dispara ata os 12 meses. Nesta etapa é clave a redución de tempos de espera, debido ás necesidades relativas ao desenvolvemento e a calidade de vida dos rapaces e rapazas, así como a prevención de complicacións maiores no seu momento vital actual ou na vida adulta, xa que a infancia e a adolescencia son etapas críticas no desenvolvemento.

"A prometida implantación da prestación de Psicoloxía Clínica no nivel asistencial de Atención Primaria é unha magnífica noticia e supón un avance determinante nos dereitos efectivos en materia de saúde da cidadanía galega. A prestación deste servizo en Atención Primaria responde a unha demanda social que busca mellorar a accesibilidade á atención psicolóxica, polo que é esencial definir unha oferta asistencial clara e baseada en criterios de equidade territorial, tras os anos de implantación experimental", subliña o Colexio.


A maior preocupación do COPG céntrase na falta de execución nin planificación desta medida, comprometida en abril de 2024 e da que a día de hoxe se descoñecen tanto prazos como recursos e medios destinados. "Este tipo de cuestións deben quedar recollidas no vindeiro Plan Estratéxico de Saúde Mental, que xa debería estar elaborado tras o vencemento do precedente 2020-2024, máis aínda cando este último xa se demostrou insuficiente para dar resposta ás necesidades en materia de saúde mental. A estratexia que acaba de expirar supuxo unha importante aposta da administración sanitaria galega pola atención á saúde mental, cun incremento en catro anos de 45 prazas para facultativos/as de psicoloxía clínica, pero evidenciouse escaso, como confirman os tempos de espera recollidos".


De feito, sinala, de acordo co último informe do Sistema de Información Sobre Condutas de Risco (SICRI) dependente da Dirección Xeral de Saúde Pública, de 2023, a cuarta parte da poboación galega está en risco de mala saúde mental (33% das mulleres vs. 21% de homes). A abordaxe temperá na Atención Primaria permitirá atallar esta problemática e promover os recursos propios da persoa, e tamén evitar unha cronificación ou agravamento da súa condición de saúde mental.ç


Por este motivo, o COPG, desde a súa experiencia e como lexítimo interlocutor coa Administración en representación da profesión, solicitoulle á Consellería de Sanidade a participación na elaboración da vindeira estratexia, así como a súa incorporación ao Consello Técnico de Atención Primaria, unha vez que esta especialidade está presente nese nivel asistencial.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

"A participación da profesión no Plan é esencial para contribuír a unha xestión máis eficaz, na que se definan os modos de organización, a articulación coas Unidades de Saúde Mental, co fin de evitar duplicidades e, en definitiva, que a universalización da prestación de Psicoloxía Clínica en Atención Primaria supoña unha mellora da calidade da sanidade galega e unha asistencia máis eficaz para a cidadanía. Estas solicitudes están pendentes de resposta, polo de agora", sinala.


 100 especialistas máis

Desde o COPG, estímase que o despregue efectivo da Psicoloxía Clínica na Atención Primaria requirirá un mínimo de 100 profesionais especialistas, unha cifra orientativa que deberá adaptarse ás necesidades territoriais e organizativas. Este número permitiría contar cun profesional cada catro centros de saúde e, aproximadamente, dous profesionais por comarca galega, garantindo así a equidade no acceso.


Así se lle comunicou á Consellería de Sanidade, ademais de insistir na importancia de abordar outras prioridades na vindeira estratexia, como a atención á poboación infanto xuvenil, a prevención da conduta suicida ou o tratamento do trastorno mental grave. De feito, é importante tamén unha revisión do Plan Estratéxico de Prevención do Suicidio, dado que malia que xa transcorreron sete anos da súa aprobación, aínda son varios os aspectos sen desenvolver e que son urxentes, como o relativo á investigación e a alerta epidemiolóxica sobre a conduta suicida, a coordinación interinstitucional ou a prevención a través dos medios de comunicación. 

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page