A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa advirte que estes proxectos industriais son “unha ruína para Galicia” e “un atraco aos galegos e galegas”
Ecos da Comarca/Xeral
Máis de 50.000 persoas e 600 barcos ateigaron onte A Pobra do Caramiñal por terra e por mar para exixir á Xunta de Galicia que remate coas ameazas da macrocelulosa de Altri e a reapertura da Mina de Touro e O Pino, que o goberno galego está a tramitar como proxectos industriais estratéxicos. En terra, encabezou a mobilización a pancarta da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) co lema “A auga é o noso futuro: Nin Altri nin Mina. Defendamos o noso modo de vida”. A mobilizaición colapsou A Pobra do Caramiñal, que multiplicou por seis a súa poboación.
En declaracións aos medios, antes de arrancar a manifestación, o presidente da PDRA, Xaquín Rubido puxo en valor “a expresión de unidade do movemento social na terra e no mar” que este sábado se viviu na Pobra do Caramiñal. Destacou que este inmenso capital social de todo o país “se opón a este modelo salvaxe de industrialización que hipoteca o futuro de Galicia”. Coa forza da terra e o mar, presentes onte cunha masiva manifestación que colapsou A Pobra do Caramiñal,
Rubido amosouse convencido de que “imos parar estes dous proxectos claramente contaminantes e que hipotecan o futuro do río Ulla e da Ría de Arousa”. O presidente da PDRA denunciou que Altri e a Mina de Touro e O Pino son “unha ruína para Galicia” e un “atraco ás galegas e galegos”. Rubido criticou que neste contexto, “a Xunta de Rueda non está cumprindo coas súas obrigas e responsabilidades” e demandou un “cambio de rumbo” do goberno e a dimisión das conselleiras de Economía e Medio Ambiente e do conselleiro do mar “por incompetentes”. “A dignidade qaue lle falta ao goberno de Rueda para defender este país témola todas as que estamos aquí”, espetou Rubido.

Desde o sector do mar da Arousa, e diante da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) positiva que a Xunta vén de darlle a Altri e o “entusiasmo” co que o goberno galego está a pedir cartos públicos para financiar unha industria contaminante privada, o presidente da PDRA propúxolle a Rueda: “fagamos un trato, señor Rueda, utilicemos os 250 millóns de fondos públicos para resolver os nosos problemas e que o río Ulla e a Ría de Arousa queden libre de verteduras contaminantes”.
Na terra e no mar
Mentres milleiros de persoas ateigaban por terra o percorrido entre a explanada do porto comercial, diante da Lonxa da Pobra, por toda a beiramar e ata o palco, ubicado no aparcamento de buses á beira da rampa de Chicolino, uns 600 barcos chegados de distintos puntos da 3ª e 4ª lista, tamén da 5ª, 6ª e 7ª lista e mesmo dous barcos estranxeiros fondearon na Enseada da Pobra amosando cartaces e pancartas contra Altri e a Mina de Touro, e facendo soar a súas sereas.
No palco, ubicado entre a manifestación da terra e do mar, por megafonía e con walkies para a emisión a todos os barcos, Isabel Risco, Carlos Blanco e Quico Cadaval conduciron o acto final coa lectura do manifesto a tres voces femininas desta loita. A mariscadora María Porto, presidenta da Agrupación de Mariscadoras de Carril; a gandeira Mari Carmen Aguiar; en representación da Plataforma Mina de Touro-o Pino NON, e a gandeira en ecolóxico da Ulloa Marta Álvarez.
A manifestación contou tamén con actuacións musicais, a cantautora Zeltia Acuña de Irevire compartiu escenario coa actuación de Mini Rivas e a Banda do Ullán que animou aos milleiros de asistentes en terra e no mar. A convocatoria da PDRA na Pobra do Caramiñal bateu récords de mobilización. Desde primeira hora da mañá foron chegando á Pobra os 38 autobuses que desprazaron xente de todo o país. Os transportes colectivos percorreron collendo xente que demandou este servizo 32 municipios de toda Galicia.
Publicidade
“Non pasarán”
No manifesto, a PDRA e as plataformas que apoian a loita contra Altri e a Mina de Touro e O Pino explicaron que eta manifestación “ven marcada pola recente publicación no DOG da Declaración de Impacto Ambiental favorable a Altri en Palas de Rei, á beira do río Ulla e a tamén recente sentenza do TSXG anulando a privatización dos procedementos de avaliación ambiental”. Deixaron claro que esta DIA “é unha decisión política que pretende impoñernos un modelo industrial para Galicia que non ten o apoio da maioría da sociedade galega e pon en risco a nosa soberanía alimentaria”. Lembraron que a conselleira de Medio Ambiente “di que hai 42 informes asinados por funcionarios pero non se atreve a facelos públicos, por que será?”. Tamén lembraron a Alfonso Rueda “que aínda non deu a cara, nin aclarou diante da opinión pública a natureza dos compromisos firmados no convenio de Altri con Impulsa”.
A pesares dos pasos adiante nas tramitacións destes proxectos, aseguraron que “non nos van desmobilizar porque aínda hai percorrido para seguir presionando na Galicia, en España e en Europa”. Lembraron que “queda aínda pendente a concesión da auga, a Avaliación Ambiental Integrada, a aprobación do proxecto industrial e o financiamento do estado e da UE. Queda pendente a tramitación da mina de Touro”. Por iso recalcaron que “temos que seguir mobilizándonos e alerta para defender este país. Nós non queremos ambigüidades, reclamámoslle ao Goberno de España unha posición clara respecto da mina e a Altri e que non facilite o financiamento público nin do Estado nin da Unión Europea”, dixeron.
Ao berro de “Nin Altri, nin Mina. Viva o río Ulla e Viva a Ría de Arousa” e cos centos de barcos no mar tocando súas sereas, agradeceron aos milleiros de persoas que ateigaron onte A Pobra a mostra de orgullo e dignidade e o exemplo que Galicia está a dar como país unido na defensa do seu territorio. *NOS VINDEIROS DÍAS PUBLICAREMOS VÍDEO.
Comments