Ecos da Comarca/Vila de Cruces
Un accidente en Vila de Cruces axuda a descubrir outro anterior de maior gravidade. Un condutor atopou un coche accidentado nun barranco cando necesitou abeirar pola irrupción de dous corzos, tal e como informa o 112 Galicia.
Publicidade
O suceso ocorreu onte, venres, sobre as10:30 horas en Vila de Cruces, concretamente na PO-204, ao paso pola parroquia de Sabrexo. Nese punto, un coche caeu por un desnivel duns oito metros de profundidade e quedou suxeito por unhas árbores. No interior, había unha persoa con dificultades para saír porque estaba atrapada polas pernas. Desde a vía, era complicado poder ver o coche accidentado, menos mal que o propio sistema de alarmas do vehículo emitiu un sinal ao 112 Galicia e xusto outro condutor, que se viu obrigado a abeirar, puido descubrir o accidente anterior.
Publicidade
Estas dúas comunicacións ao 112 Galicia permitiron activar todos os protocolos de actuación e mobilización dos equipos de rescate e asistencia médica. Así, acudiron os Bombeiros do Deza e tamén os voluntarios de Protección Civil de Vila de Cruces, así como os membros do GES de Lalín e os axentes da Policía Local e Garda Civil de Tráfico.

Por suposto, tamén foron activados os recursos sanitarios. En concreto, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 enviou unha dotación a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago. Deste xeito, en canto foi posible a liberación da persoa atrapada no vehículo, esta foi conducida na aeronave ao centro hospitalario de referencia.
Cómpre sinalar que o accidente puido descubrirse grazas ao sistema de alertas automático do vehículo e doutro condutor, que se viu sorprendido por uns corzos que irrumpiron na calzada e lle obrigaron a abeirar.
Comments