A plataforma lembra que actualmente seu estado é “peor que bo” e deberá mellorar para cumprir coa normativa europea antes de 2027
Ecos da Comarca/A Ulloa
A Plataforma Ulloa Viva vén de presentar diante de Augas de Galicia unha solicitude dos datos das análises obrigatorias que este organismo da Xunta está obrigado a facer para coñecer e actuar sobre o estado das masas de auga da súa competencia. A Plataforma lembra que é obriga de Augas de Galicia (dependente desde fai uns meses da Consellería de Medio Ambiente) “o seguimento do estado das augas para as augas superficiais continentais (ríos, lagos e encoros)”.
Ulloa Viva pide a Augas de Galicia información das mostraxes e resultados obtidos dentro das campañas da rede de control das augas superficiais do encoro de Portodemouros dos últimos tres anos dispoñibles. En concreto a Plataforma demanda así as analíticas fisicoquímicas e contaminantes prioritarios e específicos e tamén as análises para o control do potencial estado ecolóxico sobre a composición, abundancia e biomasa do fitoplancto (cós informes taxonómicos); xunto co valor das métricas biolóxicas para o cálculo do potencial ecolóxico (IGA, porcentaxes de cianobacterias, clorofila a e biovolume).
No escrito remitido onte a Augas de Galicia, a Plataforma Ulloa Viva demanda esta información apelando á Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, que no seu capítulo III establece “o dereito ó acceso á información pública do que son titulares todas as persoas (con posibilidade de solicitude a título individual ou en representación ou no nome das organización legalmente constituidas)”.
“Estado peor que bo”
Desde a Plataforma Ulloa Viva lembran que o estado desta masa de auga é segundo recoñece a Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, “peor que bo”. A Plataforma alerta logo de telo comprobado e recibido denuncias da veciñanza da zona, que o encoro de Portodemouros “segue a presentar cor verdoso, tanto na presa como na cola do encoro indicativo de bloom de cianobacterias como se apreza na imaxe tomada estes días, como soe acontecer ó longo do verán, e cuxa frecuencia e persistencia ó longo do tempo vai en aumento”.
A orde do 10 de febreiro de 2023 pola que se publica a normativa do Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa (aprobado polo Real decreto 48/2023) indica os “Obxectivos medioambientais das masas de auga”, e concretamente os de Portodemouros (recollidos no Apéndice 10.2). O encoro está nestes intres nunha “Prórroga do cumprimento dos obxectivos medioambientais a 2027”. Ulloa Viva advirte a Augas de Galicia que esta é xa a segunda prórroga para o cumprimento de obxectivos neste encoro “porque leva 3 ciclos de planificación en mal estado”.
Publicidade
A Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas (DMA) indica no seu artigo 4.4 c) que “as prórrogas só se poden limitar a un máximo de dúas novas actualizacións do plan hidrolóxico de cunca”, polo tanto,o 2027 “é o ano límite para conseguir que esta masa de auga mellore o seu estado e cumpra coa DMA”.
Diante desta “alarmante situación” a Plataforma pregunta a Augas de Galicia da Consellería de Medio Ambiente polas medidas que vai a tomar para que o estado do encoro cumpra coa normativa da UE antes de 2027 “e cando vai comezar a poñelas
en marcha”.
Comments