Marta Gontá advirte á Xunta que “imos parar este atentado contra o corazón de Galicia, por nós e as nosas fillas e fillos”
Ecos da Comarca/Xeral
As Plataformas Ulloa Viva e En Defensa da Ría de Arousa (PDRA) presentaron este martes en Santiago a manifestación nacional que o vindeiro 15 de decembro percorrerá as rúas de Compostela até o Obradoiro co lema “A Xunta non pode calar todo un país”. Os presidentes das dúas plataformas, Marta Gontá e Xaquín Rubido, acompañados polos representantes de colectivos sociais que apoian a manifestación, aseguraron que esta mobilización será “un clamor” contra a macrocelulosa que a empresa Altri quere construír en Palas de Rei e que está a tramitar “cunha alfombra vermella” a Xunta de Galicia.
A presidenta de Ulloa Viva, Marta Gontá, asegurou que o 15 de decembro en Compostela “estaremos toda a masa social que por sentido común e por xustiza imos parar este atentado ao corazón de Galicia”. Explicou que os milleiros de persoas que acudirán ao Obradoiro van reprocharlle á Xunta de Galicia que “están cegados polos cartos que saen da privatización dos recursos e os bens máis importantes que temos: terra, auga e aire”. Será, segundo dixo, “o derradeiro golpe na mesa, sairemos en masa a defender o noso futuro”.
Dixo Marta Gontá que “a Xunta non quere escoitar ás persoas, négase a escoitar as máis de 23.000 alegacións e tamén ás máis de 20.000 persoas que saimos ás rúas en Palas” o 26 de maio a dicir Altri non, e ademáis “desoe mesmo un órgano consultivo como o Consello da Cultura Galega”. Diante destes feitos acontecidos nos últimos meses, Gontá preguntouse “qué clase de goberno é este, até onde chega a súa avaricia. Todo vale?, Iso é o que merecemos dos galegos e galegas?”.
Por iso Gontá advertiu que “nin Rueda nin ningún dos seus conselleiros vai impoñerlle aos nosos fillos unha vida peor mentres nós esteamos aquí”, e amosouse convencida de que a Xunta “terá que pedirnos perdón algún día polos esforzos que están a facer para impoñernos a todas un modo de vida peor”. Tamén se dirixiu a presidenta de Ulloa Viva ao CEO de Altri, José Soares de Pina. Lembrou as declaracións que fixo en xuño pasado en rolda de prensa en Santiago. "Nós non facemos investimentos en espazos onde as comunidades onde nos integramos non queren esas instalacións”. Gontá afirmou a respecto que “convido ao señor Pina a que veña o 15 de decembro ao Obradoiro, e que cumpra coa súa palabra, se é que ten algún valor e abandonen a idea” de instalarse en Palas de Rei. Nin o queremos nin o precisamos”, remachou
Mecanismos antidemocráticos
O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, explicou que esta mobilización protesta contra os “mecanismos antidemocráticos” que está a usar a Xunta de Galicia “para cambiar o noso modelo produtivo por un imposto”. Lembrou que o goberno galego leva meses “tentando que boa parte dos 23.000 alegantes non sexan declarados persoas interesadas”, a través de requerimentos que a Xunta está a enviar desde fai meses aos asinantes das alegacións “e que seguen chegando a día de hoxe aos alegantes”.
Criticou Rubido que estes son “os mecanismos que está a usar a Xunta do PP para afastar o control da cidadanía” sobre estes proxectos e “diminuír os prazos para favorecer que estas empresas se implanten no territorio coa menor resistencia social posible”. Como exemplo, o voto en contra do PP no Parlamento o pasado 22 de outubro a unha Iniciativa Lexislativa Popular do sector pesqueiro avalada por 17.800 sinaturas, “que pedía declarar de interese xeral ao sector do mar”, pero que non puido tramitarse polos votos en contra da maioría do PP na Cámara galega.
Fronte a esto, Xaquín Rubido contrapuxo a decisión do Consello da Xunta de Rueda en decembro de 2022 de declarar a macrocelulosa de Altri Proxecto Industrial Estratéxico (PIE), igual que fixo o goberno de Rueda o pasado mes de xuño co proxecto de Cobre San Rafael para a Mina de Touro. “Un sector primario coma a pesca e o marisqueo para o PP non é de interese xeral, pero proxectos industriais que queren espoliar o noso territorio e rematar cos nosos sectores primarios eses si son estratéxicos para a Xunta”.
Diante desta evidencia, Rubido cuestionouse “que tipo de goberno pode tomar estas decisións” e asegurou que o 15 de decembro é “máis necesario ca nunca” lembrarlle á Xunta que “non pode calar a todo un país”.
Hipotecar os recursos
O presidente da PDRA fixo fincapé “no modelo de país que nos queren impor” con proxectos coma a macrocelulosa de Altri, proxectos industriais que “afectan a sectores fundamentais da sociedade galega, como son os sectores produtivos tanto o agrogandeiro coma o do mar e o sector transformador, e o sector turístico”. Explicou Rubido que “estres tres sectores van a verse moi afectados polo proxecto de Altri, un proxecto que é contraditorio cos usos da terra e do mar”.
Publicidade
Tamén falou Marta Gontá da auga coma recurso, “un ben escaso que sabemos todos que aínda o será máis no futuro”, e criticou que a Xunta estea disposta a “hipotecar o río Ulla os próximos 75 anos, un río que atravesa toda Galicia e que é fundamental para o noso modo e calidade de vida”.
Destacou tamén que a necesidade de materias primas coma o eucalipto da macrocelulosa de Altri vai a “mudar a superficie forestal de Galicia e incrementar a eucaliptización”. Outras das materias primas que Altri quere espoliar en Galicia é a auga (46 millóns de litros de auga ao día do encoro de Portodemouros e unha vertedura de 30 millóns de litros de auga diarios tratados e a 27 graos). O presidente da PDRA alertou de que a implantación da macrocelulosa “vai a diminuír cualitativamente a calidade da auga tanto do río Ulla coma da Ría de Arousa”. Tamén falou Rubido doutras afectacións coma o Camiño de Santiago, a menos de 2 quilómetros da planta que quere construír Altri en Palas de Rei –nun dos tramos máis concorridos do Camiño Francés que percorren ao ano uns 300.000 peregrinos.
Opmerkingen