top of page

Ulloa Viva demanda á Xunta a paralización da macrocelulosa de Altri diante dos informes do CCG

"A contaminación atmosférica de Altri converterá o aire da zona nunha ameaza invisible para a saúde", subliña


Ecos da Comarca/ A Ulloa

A Plataforma Ulloa Viva, diante do informe elaborado por expertos científicos para o Consello da Cultura Galega, demanda á Xunta de Galicia que dunha vez por todas paralice a tramitación do proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. O informe presentado a pasada semana polo CCG “é un dos moitos que agardamos vaian saíndo á luz, e como nos temiamos, confirma as nosas advertencias e a preocupación que temos arredor do proxecto de Altri-Greenalia”.


Os veciños e veciñas da Ulloa, Deza, Terras de Melide e Arzúa “estamos hoxe máis preocupados” logo de que científicos de todos os eidos veñan de confirmar de xeito oficial

cuestións coma que “a contaminación atmosférica de Altri converterá o aire da zona nunha

ameaza invisible para a saúde”, escrito e documentado cientificamente pola neurocientífica

Sonia Villapol, xefa de laboratorio no Centro de Neurorrexeneración do Instituto de

Investigación do Hospital Metodista no Texas Medical Center de Houston (EEUU).

Tamén confirma científicamente este informe que Altri pretende ocupar unha illa xeolóxica, case única en toda a Península, con especies vexetais endémicas xa actualmente

ameazadas de extinción, que se verían totalmente afectadas. Acreditado no informe pola

edafóloga da USC, María Xosé Fernández Sanjurjo. Seguindo coa lectura do informe,

sabemos que a instalación de Altri “incrementaría a demanda de eucalipto para a industria

de pasta de celulosa en España en case un 50%”, é dicir, que para abastecer esta nova

planta habería que incrementar as plantacións de eucalipto en Galicia case o dobre ás

existentes na actualidade ou importar un volume considerable dende o sur de América ,

segundo os cálculos do doutor da USC e enxeñeiro agroforestal Eduardo Corbelle. Nunha liña similar, sabemos agora tamén que o estudo de impacto hidrolóxico presentado por Altri-Greenalia, e que a Xunta está a tramitar en Augas de Galicia, non acada a rigorosidade precisa, ao ser extremadamente simple e moi orientado a ‘esquivar’ o trámite

ambiental que outorgue viabilidade ao proxecto”, tal e como apunta o sisudo estudo feito

para o CCG polo doutor Horacio García, especialista en Hidroloxía e profesor e investigador da USC. Nesta parte do informe alértase tamén de que "Altri-Greenalia emprega nos seus cálculos datos de caudal medios mensuais, o que oculta os datos diarios de caudal, adulterando así os resultando ao facer que os valores de dilución dos contaminantes e incremento da temperatura se axusten, por mínimos, aos limiares esixidos pola lei".


"As mentiras do emprego"

"Como vimos denunciando desde a Plataforma Ulloa Viva fai meses, Altri chegou da man da Xunta vendendo o fume dos 2.500 empregos na zona”. Agora o estudo do CCG, cos datos analizados polo doutor en Ciencias Económicas da USC Edelmiro López e o seu equipo científico, demostra cos propios datos da empresa que este “proxecto industrial de gran tamaño, pero cunha facturación (ao redor de 200 millóns de euros/ano) modesta en relación ao investimento” presenta unha “elevada intensidade en capital” pero “baixa intensidade en traballo”.


Publicidade

"Como consecuencia, a estimación dos empregos directos e indirectos previstos pola empresa están totalmente afastados da realidade. De feito os cálculos destes expertos cifran nun máximo de 544 empregos, directos e indirectos. Tamén certifica o informe do

CCG que o estudo de Altri non tivo en conta os impactos negativos sobre outras actividades da zona, coma a agricultura, a gandería, o turismo e o Camiño de Santiago, con todos os empregos que estes xeneran”.


"O negacionismo da Xunta"

A Plataforma Ulloa Viva leu e tomou nota de todos e cada un dos informes sectoriais sobre

o proxecto de Altri-Greenalia presentado polo Consello da Cultura Galega, agradecendo a

este órgano consultivo creado polo Estatuto de Autonomía de Galicia e regulado por lei, o

seu esforzo e traballo para botar luz e datos científicos sobre unha cuestión fundamental

para o futuro do corazón de Galicia.


Segundo o propio CCG o seu obxectivo con este riguroso traballo é “presentar visións diversas que contribúan a facilitar un debate social e unha toma de decisións o máis

informados posible.” Diante do acontecido publicamente logo da presentación do informe, a Plataforma Ulloa Viva lémbralle á Xunta de Galicia que o Consello da Cultura Galega é un órgano asesor “que fixo o informe para a Xunta de Galicia, que está a tramitar o proxecto de Altri, non para nós”. Ulloa Viva considera “unha nova falta de respecto” as descualificacións feitas por membros do goberno galego á comunidade científica galega.


Publicidade

Dende a Plataforma Ulloa Viva “recomendámoslle ao goberno galego e en especial, polo papel que asumiron a conselleira Ánxeles Vázquez e o presidente, que lean o informe, que tomen nota e que exerzan as súas responsabilidades como gobernantes e non coma opinadores”. “O negacionismo da Xunta de Galicia respecto da comunidade científica e en favor sempre de Altri-Greenalia é unha actitude indigna nun goberno que ten que velar polo seu territorio e polos seus cidadáns”.


Desde a Plataforma Ulloa Viva “pedimos que ese rigor que a Xunta está a demandar a toda a comunidade científica e mesmo á cidadanía sexa o mesmo que lle están a pedir aos seus técnicos na tramitación da macrocelulosa de Altri-Greenalia”.



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page