O prazo de inscrición xa está aberto e os interesados poden anotarse ata o 13 de maio
Laura Moure/Silleda
O municipio de Silleda volta ao calendario galego do automobilismo da man do I Rallysprint Concello de Silleda, incluido no Campionato Xunta de Galicia GT2i desta modalidade, e que se disputará o 18 de maio Os membros da Escudería Silleda, club de recente creación e que preside Juan Pablo Cajide, presentaron este domingo a proba no centro da vila, cunha grande afluenza de público.
Cajide explicou que o venres 17 pola tarde comezarán as verificacións optativas e técnicas diante do consistorio. O sábado 18 de maio pola mañá de 8:00 a 12:30 horas serán as verificacións obrigatorias, previas ao comezo da proba que terá lugar ás 14:00 horas.
Disputaranse dous tramos a dobre pasada: un na zona de Martixe e o seu entorno e outro na parroquia de Escuadro, con asistencia e reagrupamento no medio. A ceremonia de entrega de premios celebrarase a partir das 21:00 horas na rúa Pintor Colmeiro.
O presidente da Escudería Silleda explicou que as inscricións para participar veñen xa de abrirse o pasado venres, rematando o prazo o vindeiro 13 de maio. “As previsións pasan por contar con entre 70 e 90 pilotos participantes”, avanzou, ademais de agradecer o apoio das empresas e institucións patrocinadoras.
Publicidade
No acto de presentación, ademais de pilotos da zona, estivo tamén presente o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño. “Esperamos que sexa todo un éxito. Sabemos que a comarca de Deza move moitísimo o automobilibismo, e dende a Federación tratamos de apoiar a esta nova escudería para que todo saía ben”.
“Esta é unha zona moi boa, cunha situación estratéxica a nivel xeográfico en Galicia, que a convirte en ideal para este tipo de probas”, indicou ademais de felicitar á entidade organizadora.
Publicidade
Pola súa banda, a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, que participou na presentación xunto ca concelleira de Deporte, Mónica González, destacou “o gran esforzo que está a realizar a Escudería Silleda, que levan meses traballando para sacar adiante esta proba que supón a volta do noso municipio ao escenario galego do automovilismo”. Asimesmo, Fernández Pena destacou a grande repercursión que supoñen este tipo de probas “á hora de dinamizar o noso municipio, tanto dende o punto de vista económico como a nivel promocional”, polo que agradeceu aos membros da Escudería Silleda o “gran esforzo que están a realizar”.
Retransmisión por YouTube
A proba tamén poderá seguirse en directo por internet, xa que está previsto que o sábado se transmita en directo por YouTube cadansúa pasada aos dous tramos. Na presentación participaron tamén os pilotos Javier Ramos (Disiclín); Marco Lorenzo (Desgüaces Rolán) e Daniel Montoto (Prado Car), que acudiron cos seus respectivos vehículos.
Comments