top of page

Silleda súmase ao programa Rural TIC para contribuir á dixitalización social e económica

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Dende finais de abril e ata o 9 de maio impartiránse no municipio obradoiros de formación para a veciñanza, no marco deste programa estatal para achegar as novas tecnoloxías á poboación rural


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de sumarse ao programa Rural TIC, posto en marcha polo INECO (a enxeñería pública do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (Mitma), unha ao servizo da cidadanía que reside en vilas e pequenos municipios de España. Trátase dun modelo colaborativo que ten como obxectivo contribuír á dixitalización social e económica da sociedade que vive en contornas rurais, rompendo as barreiras que os afastan das novas tecnoloxías.


As accións enfocadas a dixitalizar social e economicamente os pequenos municipios e vilas constitúen unha panca fundamental nas políticas de asentamento de poboación neste entorno, xerando unha porta de acceso ao retorno dos habitantes dos grandes núcleos cara a un modelo de vida máis sostible.

Grazas ao coñecemento de Ineco no ámbito da dixitalización, onde o número

de profesionais se multiplicou por catorce ao longo da última década –contando na actualidade con máis de 700 perfís cun alto nivel de especialización en aplicación de novas tecnoloxías e intelixencia artificial–, o programa deseñado prevé avanzar en dous eixes de acción.


O primeiro, a dixitalización social, con formación e apoio no uso das novas tecnoloxías para os habitantes do medio rural, cun foco especial na poboación maior. E o segundo, a dixitalización económica, prestando apoio e asesoramento ao tecido empresarial rural, potenciando o seu posicionamento dixital, creando ou mellorando os servizos web existentes, implementando a súa presenza en redes sociais e deseñando aplicacións específicas que optimicen a actividade.


Os encargados de colaborar no programa son profesionais voluntarios da compañía, que poderán teletraballar temporalmente desde os municipios rurais onde se desenvolva o proxecto, gozando das moitas vantaxes que supón habitar neste entorno, coa posibilidade de achegarse a un patrimonio natural e cultural único, así como a unha oferta turística exclusiva. Esta fórmula contribuirá a visibilizar e dixitalizar 50 municipios de todo o país,

dinamizando a súa economía local.


Do 28 de abril ao 9 de maio

Dende o Concello de Silleda xa se está a traballar no inicio dos obradoiros que impartirán estas dúas persoas voluntarias do Ineco. No caso do eixo da acción enfocada ás poboacións máis rurais, contactarase ademais cos colectivos veciñais e socioculturais das parroquias.


Ademais, outro dos obxectivos do programa é o intercambio de experiencias e o traballo conxunto para sentar as bases dun modelo de xestión sostible que mellore a calidade de vida da cidadanía. Isto traducirase nunha redución do gasto público, permitindo a mellora da calidade dos servizos e favorecendo a atracción de actividade económica, xerando así progreso.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Ineco RuralTIC está dirixido a municipios de menos de 10.000 habitantes que cumpran certos requisitos iniciais (4G, asunción dos custos de estancia dos/as voluntarios/as de Ineco e espazos para a realización de obradoiros). Durante o proceso de selección, avaliaranse outros parámetros complementarios, como os servizos educativos e sanitarios, a existencia de pemes de emprendemento mozo, a oferta turística, o patrimonio cultural e natural, e o número de entidades locais menores que agrupa o termo municipal, entre outros.


Ineco exporá esta iniciativa nas xornadas sobre Innovación fronte ao despoboamento que COTEC organiza os próximos días 10 e 11 de xuño en Otero de Herreros.


Aliñados coa estratexia do Goberno de España

Ademais de contribuír á consecución dos ODS 17 (Alianzas), 11 (Cidades e Comunidades Sostibles) e 9 (Industria, Innovación e Infraestrutura), RuralTIC baséase en dous dos piares que conforman a estratexia do Goberno de España para combater o despoboamento no medio rural: A liña mestra de coordinación e cooperación de todas as administracións públicas, liderada polo Ministerio de Política Territorial.


O Plan 130 do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, aliñado co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e cos seus catro eixes prioritarios, para garantir a incorporación dos pequenos municipios nunha recuperación verde, dixital, con perspectiva de xénero e inclusiva.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page