top of page
Foto del escritorLaura Moure

Silleda incorpora medidas inclusivas na renovación dos pasos de peóns para mellorar a seguridade e a accesibilidade

Tamén se comezaron a colocar pictogramas nos parques infantís


Laura Moure/Silleda

No marco do programa de mellora da seguridade peonil que está a impulsar o goberno local de Silleda, vén de implantarse unha acción pioneira destinada a facilitar a circulación de nenas e nenos con neurodiverxencia. Aproveitando os traballos de renovación da sinalización horizontal nos cascos urbanos, estanse a pintar pictogramas nos pasos de peóns para axudar a estes pequenos a comprender mellor as accións necesarias para cruzar as rúas de forma segura: deter o paso, mirar, agardar a que o coche se deteña e, finalmente, cruzar.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Esta medida busca garantir que as persoas con necesidades específicas atopen un entorno máis seguro e accesible nas rúas de Silleda. “Queremos que todas as persoas, principalmente os máis pequenos, disfruten das rúas con seguridade”, destaca a alcaldesa e responsable de Xestión Urbana, Paula Fernández.


A acción súmase a outras melloras na seguridade peonil, como a renovación da iluminación e da sinalización nos pasos de peóns, co obxectivo de aumentar a visibilidade e protexer a todas as persoas usuarias das vías públicas. “Os pasos de peóns da N-525 en Silleda teñen agora unha intensidade lumínica superior que vai protexer as persoas que os usen”, afirmou Paula Fernández.


Pictogramas nos xogos dos parques

Por outra banda, e coincidindo co Día Internacional das persoas con Discapacidade, onte comezaron a instalarse nos parques infantís do municipio pictogramas nos elementos de xogo dos parques infantís. A acción iniciouse no parque da Bandeira e continuará nos vindeiros días nos da vila de Silleda, a fin de facilitar o seu uso pola rapazada con neurodiverxencia e garantindo un uso seguro dos distintos elementos de xogo.

Con estas novas accións, preténdese garantir que os espazos públicos de Silleda sexan accesibles e seguros para todas e todos, fomentando unha convivencia urbana máis inclusiva “o noso obxectivo é moi claro: queremos unha silleda accesible”.


O goberno local reitera o seu compromiso coa mellora continua da mobilidade e da seguridade no municipio, atendendo especialmente ás necesidades dos colectivos máis vulnerables.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page