O alcalde e a concelleira de Urbanismo mantiveron un encontro co redactor do planeamento, que vén de recibir un pulo na tramitación ca concesión de Aguas de Galicia
Laura Moure/Silleda
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e a concelleira de Urbanismo, Paula Fernández, mantiveron un encontro con Alfonso Botana, redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Silleda, a fin de establecer os pasos a dar na que se prevé sexa a recta final cara a aprobación definitiva do documento. Este encontro chega despois de que en días pasados Augas de Galicia remitise ao Concello unha resolución pola que se levaba anos agardando e que supón un considerable avance na tramitación do ansiado PXOM.
Nesa resolución, outorgase a concesión das traídas de auga municipais de Silleda e da Bandeira, co que se legalizarían as dúas redes de abastecemento. Esta era unha das cuestións esixidas dende a Administración autonómica para a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un documento polo que Silleda leva décadas agardando.
Dende o departamento municipal de Urbanismo, xa se realizaron os trámites advertidos por Augas de Galicia, organismo que deberá agora emitir o seu informe sobre o PXOM, un dos últimos pasos para a aprobación definitiva do documento, clave para o futuro do municipio de Silleda.
Nos vindeiros días está tamén previsto que se celebren reunións con responsables autonómicos para aclarar os pasos a dar “na que esperamos sexa a recta final dun longo proceso”, remarca o alcalde, Manuel Cuiña. O PXOM de Silleda aprobouse inicialmente no ano 2012 e de xeito provisional no Pleno da Corporación en marzo de 2016. Pouco despois, unha sentenza do Tribunal Supremo que anulou os planeamentos de localidades como Verín e Monterrei, por non garantir a reserva de recursos hídricos, obrigou a reformular o documento, incluindo a necesaria legalización das traídas municipais agora lograda.
Comments