Preto de 500 de toda Galicia reforzan as competencias dixitais do alumnado con programas de uso seguro e responsable das tecnoloxías e as redes
Laura Moure/Xeral
Preto de 500 centros escolares reforzan este curso as competencias dixitais do seu alumnado a través de programas específicos de educación no uso seguro e responsable das redes e a internet impulsados pola Xunta de Galicia. Trátase de iniciativas da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades -nalgúns casos en colaboración con entidades vinculadas ao ámbito das novas tecnoloxías- ás que os colexios e institutos se adhiren de xeito voluntario. Entre estes centro figuran varios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa.
Todas elas enmárcanse na aposta do Goberno galego polo ensino dixital tendo en conta como unha das prioridades que os estudantes conten coas competencias pedagóxicas axeitadas para o uso destas ferramentas tecnolóxicas e que, ademais, sexan coñecedores dos riscos asociados ao ciberacoso. Isto é, tal e como se recolle na Estratexia Educación Dixital 2030 e no novo Plan integral contra o acoso e o ciberacoso, que o desenvolvemento tecnolóxico sexa un medio de apoio ao proceso de aprendizaxe.
Unha das accións que máis acollida ten por parte dos centros é o programa Navega con Rumbo que a Consellería realiza co apoio do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia e que este curso chega a 218 colexios e institutos de toda Galicia.
Publicidade
Esta colaboración, que xa vai pola súa duodécima edición, está dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, 1º de ESO e 1º de FP Básica para guialo cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da rede. Por outra banda, faise partícipe a profesorado e familias das recomendacións que eles poden aprender de xeito que tamén sexan transmisores para o alumnado.
Ao abeiro do mesmo, especialistas do Colexio de Enxeñaría Informática levan a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración en colexios e institutos. Ademais, o programa dispón dunha páxina web asociada ao proxecto e unhas guías de boas prácticas en internet dirixida aos estudantes, proxenitores ou titores, e ao profesorado accesibles tanto en soporte dixital como en formato impreso nos propios centros. Desde a súa posta en marcha, Navega con rumbo levou a cabo máis de 2.000 accións.
Entre estes centros que se adhiren ao Navega con Rumbo figuran das comarcas: o CEIP Martagona de Melide; o CEIP Plurilingüe de Agolada, o CEIP de Arzúa, o CEIP Plurilingüe Fonte Díaz de Touro, o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, o CEIP Plurilingüe Palas de Rei e o IEs de Arzúa.
Publicidade
Pegada dixital e uso ético
Así mesmo, un total de 130 centros escolares de toda Galicia veñen de ser seleccionados para participar por primeira vez no programa Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais, no que participan 203 centros con alumnos de 2º, 3º e 4º da ESO. Trátase dunha iniciativa da Consellería de Educación en colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia que ten como finalidade ofrecerlle aos adolescentes información e ferramentas para a adquisición de competencias e destrezas para o uso responsable, útil, seguro e ético destas novas formas de comunicación e interacción.
Para iso, refórzase a competencia básica dos estudantes en seguridade na xestión dos seus perfís nas redes sociais; explícanse os conceptos de identidade e pegada dixital, e afóndase na configuración das opcións de seguridade e privacidade das redes sociais máis actuais entre a rapazada. Tamén se ofrecen ferramentas e se explican recursos aos que poder acudir cando teñan algunha dúbida sobre o uso seguro da tecnoloxía.
Publicidade
Colaboración de axentes e expertos
Por outra parte, lévanse realizados máis de 1.500 relatorios en materia de ciberseguridade en centros de ensino ao abeiro do Plan Director para a mellora da seguridade nos centros educativos e na súa contorna, impartidos por axentes e expertos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Tamén en colaboración con eles, 34 centros galegos participan este trimestre na CiberLiga preamateur de ciberseguridade.
Así mesmo, iniciativas como Educación Responsable (coa participación de 42 centros) e o premio de boas prácticas ConVivimos afondan no benestar emocional, tratando tamén a educación dixital. No eido das familias, a capacitación no uso seguro da internet abórdase igualmente desde as escolas de nais e pais, fundamentalmente.
No que atinxe aos docentes, a Consellería de Educación está facendo unha importante aposta neste eido. Así, o Plan anual de formación do profesorado inclúe accións especializada neste ámbito para que conten cos coñecementos e as ferramentas necesarias para o seu desenvolvemento profesional nun entorno cibernético seguro.
コメント