A III Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2025, a cal se celebra ata hoxe, venres 28, na Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda
Laura Moure/Silleda
A III Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2025, a cal se celebra ata hoxe, venres 28, na Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda, continúa conformando un escaparate tanto da innovación nestes tres sectores como do labor dos seus profesionais. Así, ademais de mostrar as propostas das 387 firmas representadas na feira, esta volve acoller onte un intenso programa de actividades onde destacan preto de 40 conferencias impartidas en 17 xornadas e numerosas demostracións.
En canto ás xornadas, deron comezo co simposio Fire Res “Incendios Forestais Extremos”, organizado pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, no cal se analizaron temas como “Situacións sinópticas comúns nos incendios forestais. Estudo caso práctico: furacán Ophelia, 2017”, “O lume na xestión da paisaxe”, “Grupo Operativo de Apoio e Loxística en emerxencias” ou “Incendios forestais extremos”.
Sumáronse ao longo do día conferencias sobres temas como “Que fai unha Agrupación de Voluntarios de Protección Civil”, organizada pola Xunta de Galicia; “Presente e futuro dos drons: conectividade e servizos intelixentes para operacións altamente autónomas” incluída nunha xornada do Polo Aeroespacial de Galicia; “Desminado humanitario no Sahara”, de man da Asociación de Cooperadores Españois para o desenvolvemento e desminado do Sáhara (Asadesa), o sistema “Human External Cargo, con dobre gancho baricéntrico. Operacións Shot Haul”, da Asociación Española de Loita contra o Lume (Aself); “O dron como resposta á ameaza terrorista”, por parte da Garda Civil, “A rede de laboratorios e centros demostradores para a investigación e innovación en solucións de ciberseguridade en Galicia”, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega); e tamén un encontro sobre seguridade privada, centrado no futuro da seguridade privada e o valor do efectivo, de Ftsp-Uso.

Así mesmo, desenvolveuse a xornada “Cecop: coordinación e dirección de operacións de loita contra o narcotráfico en espazos marítimos”, organizada por Vixilancia Aduaneira da Axencia Estatal de Administración Tributaria (Aeat), entidade que tamén desprazou ao recinto o seu novo helicóptero empregado para a loita contra o narcotráfico e vixilancia aduaneira. E aínda distintas empresas levaron a cabo conferencias como “Ciberseguridade en redes de control industrial” ou “Drons: unha ferramenta clave na loita antiterrorista?”.
A Dana de Valencia
A catástrofe ambiental da Dana que afectou a Valencia foi onte outra das protagonistas da feira en diversas actividades que ademais de abordar este tema puxeron en valor os medios humanos e materiais empregados. Así, organizada pola Xunta de Galicia, levouse a cabo a presentación do dispositivo enviado por Galicia á Dana de Valencia. Nela participaron o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araujo; o xefe do servizo de Emerxencias en A Coruña, Víctor Manuel Vázquez; o técnico de Operacións e Loxística GALI, José Antonio Argibay; o xefe do Servizo Municipal de Protección Civil de Cangas do Morrazo, Cesáreo Coya; o presidente da Agrupación de Voluntario de Protección Civil de Valga, José Manuel Otero; o xefe do servizo de prevención de Incendios Forestais de Pontevedra, Manuel Francisco Gutiérrez; e o inspector da Unidade de Policía Adscrita de Galicia (UPA Galicia) e xefe do Equipo de Resposta Policial
(ERPOL), César Ramos. Ademais, celebrouse unha xornada centrada en “Relatorios do dispositivo enviado por Galicia na Dana de Valencia. Experiencias dos voluntarios/as na Dana de Valencia e nas inundacións en Galicia”.
Ademais, de man da Xunta de Galicia e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros de Galicia (APTB) realizouse unha xornada centrada en “Experiencias dos parques de bombeiros na Dana de Valencia”.
Demostracións e exhibicións
Tamén continuaron onte as demostracións. Entre elas, de simuladores centrados en emerxencias e evacuación para traballar a prevención activa do persoal aerotransportado ou de prácticas extremas de alto estrés en tiro que permite que as forzas da orde e de seguridade se adestren en escenarios dinámicos baseados en IA, e tamén de sistemas de ciberseguridade, drons, maquinaria ou compostos de fibra que absorben derrames de hidrocarburos en auga e en terra.
Publicidade
Ademais, onte uníronse neste programa a presentación e exhibición “Intervención asistida con cans: a policía municipal de Sabadell ao servizo da comunidade”.
Hoxe, dous espectaculares simulacros
Hoxe, venres, continuarán as demostracións e simulacros. Entre estes últimos destacarán dous. Un deles consistirá nunha resposta coordinada de varias unidades da Garda Civil a unha ameaza terrorista, coa participación de numerosos medios, entre eles un helicóptero, a unidade canina ou os especialistas en desactivación de explosivos Tedax. O outro será un simulacro multidisciplinar xestionado en Posto de Mando Avanzado (PMA) da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) mediante método GOM (Xestión Operativo de Mando) e presentación do sistema de dron cativo e comunicación multiplataforma desde PMA, organizado pola Xunta de Galicia.
Esta terceira edición de Sedexpo pechará hoxe as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA ás 15:00 horas.
Comments