O conselleiro eloxia as dúas exposicións creadas polo centro sobre a historia de Lalín e subliña o compromiso coa innovación pedagóxica
Ecos da Comarca/Lalín
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou onte o CEIP Xesús Golmar de Lalín para coñecer de primeira man o traballo realizado polo centro na promoción do legado cultural do concello. Durante a súa estancia, destacou a relevancia de conectar ao alumnado coa súa historia a través de iniciativas innovadoras que combinan aprendizaxe e tradición.
O conselleiro descubriu a mostra Xosé Rodríguez, o Matemático de Bermés, que afonda na figura deste científico lalinense, recoñecido pola súa traxectoria internacional e nomeado Científico do Ano 2024 pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Ademais, percorreu a exposición Os xoguetes dos avós, unha selección de pezas antigas que inclúe bonecas de trapo e xogos de mesa tradicionais, recuperando o patrimonio lúdico de xeracións anteriores.
Román Rodríguez salientou que este tipo de actividades, elaboradas con material didáctico e destinadas aos máis de 600 alumnos do colexio, son un exemplo de como os centros educativos poden ser motores de transmisión cultural e de recoñecemento á historia local. O conselleiro resaltou a importancia de iniciativas como estas que fortalecen o papel dos colexios como espazos de aprendizaxe e innovación.“O CEIP Xesús Golmar é un claro exemplo de como a educación pode ser o eixo vertebrador dunha sociedade que avanza sen perder de vista as súas raíces”, afirmou o titular de Educación.
Publicidade
O representante da Xunta aproveitou tamén para coñecer as actividades realizadas por outros programas nos que participa o Colexio CEIP Xesús Golmar como o Plan Eduemprende, que fomenta a cultura emprendedora; o Plan Proxecta, centrado na innovación, e as Bibliotecas Escolares Solidarias, que reforzan a lectura e o traballo colaborativo.
Comments