Rafael Cuíña solicítalle ao PP que explique "cantas empresas deixaron de crearse en Lalín"
- ecosdacomarca
- 13 abr 2023
- 2 Min. de lectura
O candidato á Alcaldía de Compromiso por Lalín pídelle explicacións polo "seu bloqueo á ampliación do Polígono Lalín 2000"
Ecos da Comarca/Lalín
O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, pediulle onte ao goberno da Xunta de Galicia e ao de Lalín, ambos en mans do Partido Popular, que dean explicacións "claras, precisas e concretas sobre cantas empresas se deixaron de crear no municipio polo seu bloqueo de anos á ampliación do Polígono Lalín 2000".

Para Cuiña “non se pode entender de ningunha maneira que o conselleiro de Industria viñese onte (polo martes) a Lalín a sacar peito pola creación de empresas de capital privado -en cuxo asentamento nin a Xunta nin o goberno de Crespo teñen nada que ver- en lugar de concretar cantos proxectos empresariais se perderon pola súa inasumible falta de impulso á creación de máis chan industrial”. “O PP presume de méritos que non son seus, mentres trata de ocultar a parálise na que está sumida a ampliación do polígono pola súa inacción”, afirma o candidato de Compromiso. “Resulta incluso politicamente patético que Crespo tamén intente sacar peito por isto nas súas redes sociais”, engade.
Máis grave aínda, neste contexto, sinala "resulta o feito de que non conste oficialmente ningunha alusión a este proxecto fundamental para o desenvolvemento socio-económico de Lalín" no encontro que mantivo o martes Francisco Conde con empresarios da zona. “É un síntoma inequívoco de que se confirman as noticias que me chegan da propia Xunta sobre que esa iniciativa segue sen avanzar nin o máis mínimo”, di Cuiña. Lembra ademais que, sendo presidente da Xunta, Feijoo comprometeuse a que as obras de ampliación estarían en marcha no ano 2022. "A día de hoxe, nada se sabe desta declaración de intencións, o que evidencia un dos máis graves incumprimentos do PP durante estes catro anos. Tamén confirma o que levo advertindo durante moito tempo: que non se verá nin unha soa máquina traballando nese proxecto neste mandato”.
Neste aspecto, pídelle a Crespo "que ao igual que foi facerse unha foto de Feijoo para realizar un anuncio que non se cumpriu, tamén se faga agora unha foto con Rueda para explicar publicamente os motivos do seu engano á cidadanía". Ademais, Rafael Cuiña alerta de que “o gran engano do Partido Popular en materia industrial vai ter gravísimas consecuencias para o futuro de Lalín: se non hai chan industrial non haberá asentamento de novas empresas nin creación de emprego e, polo tanto, menos riqueza para o pobo. Ese é o modelo económico que defende o PP para Lalín". Nesta liña, salienta Cuiña “a despreocupación e a complicidade do goberno de Crespo coa inacción da Xunta de Galicia. Esta situación condena a Lalín a non dispoñer de novo chan industrial ata finais do ano 2025 ou o ano 2026, polo que ningunha empresa estará en disposición de empezar a traballar alí ata dentro de case catro anos", conclúe o candidato de Compromiso por Lalín.
Comments