Ecos da Comarca/Silleda
Balance máis que positivo para o equipo trasdezano Silleda Motorsport, que termina o seu primeiro ano de competición ao completo en segunda posición da Copa Pirelli AMF Motorsport. A pasada fin de semana disputábase a última proba do Campionato Galego de Rallyes de Asfalto, o Rali Ribeira-Ría de Arousa, cun formato de competición de dous días e catro tramos diferentes.
Publicidade
De novo a climatoloxía cambiante, que foi a tónica en case todas as probas da presente tempada, marcou o progreso da mesma, cuns tramos esvaradíos e complicados pola auga e o barro. Unha proba complicada para Marco Lorenzo e Diego Gil, que tiñan que lidar con pequenos problemas mecánicos durante os primeiros tramos do sábado, que foron liquidados pola asistencia para poder remontar na clasificación durante a segunda xornada de competición.
O resultado final foi máis que satisfactorio, terminando nun magnífico posto 11 da clasificación xeral, entre os máis de 150 inscritos, chegando a marcar tempos entre os 4 primeiros da xeral scratch, e cun terceiro posto na Pirelli AMF, o que conforma o terceiro podio consecutivo, tras os conseguidos no Ribeira Sacra e San Froilán, e conseguindo o subcampeonato da citada copa de promoción.
Publicidade
Agora o equipo céntrase en preparar o próximo ano, cun proxecto encadrado noutra copa de promoción dentro do Campionato Galego de Rallyes, para tentar conseguir un bo resultado axudados da experiencia conseguida durante a presente tempada. Desde o equipo non se queren esquecer de agradecer unha vez máis toda a axuda recibida, por parte de patrocinadores, amigos e familiares que achegan o seu gran de area para conseguir estar en cada proba
Комментарии