Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, escribe un artigo de opinión sobre Pepe das cabras
Antón Branco Vilariño/Lalín
Artigo de opinión
Compartimos en ECOS DA COMARCA este artigo de opinión que nos enviou Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, sobre Pepe das Cabras.
PEPE
"Haberá quen recorde ver dende Feás, limpa, a parte traseira da igrexa de Lalín. Eu so recordo contemplar un bo tramo do que hoxe é a rúa B. E xa nese tempo teño gardadas na memoria imaxes de Pepe andando polo lugar adiante. Se lle engadise unha preposición, poñamos “de”, e máis un nome pluralizado dalgún animal doméstico, poñamos “cabra”, supoño que moita xente saberá de quen estou a falar. Era Pepe, non Xepe nin Xe, non era José nin Xosé (polo menos eu nunca o chamei así). Ben é sabido que o mundo vai máis alá das lindes do que percibimos e entendemos e aí tamén radica o
bonito da existencia.
Cando andaba o raposo pola zona, cando o peche da finca estaba a medio caer, cando había xente vixiando certa casa, cando viña o tempo das noces (souben por el a receita do licor deste froito), cando non se sabía onde había tal herba ou tal planta. Estes candos dubidativos remataban nun consello de Pepe, senón sabía, cousa difícil, había buscar como saber. “Escapou a egua!” veu berrando un día onda meu avó e máis onda min. E o máis importante, cando menos para min, cando había ganas de botar unha parrafada, alí estaba Pepe, chantado enriba do seu caxato vixiando as cabuxas, con tempo e folgos para departir. Lembro falar moito de fútbol con el (fora xogador) e, co paso do tempo, fomos engadindo temas menos prosaicos.
Nunca vin na faciana daquel home unha mala cara, nunca lle vin negar un saúdo, rara vez recordo detectar outra expresión que non fora unha próxima á alegría, e as súas tería vivido, e as súas tería feito e as súas tería sufrido. Non lle pido a ninguén que finxa algo que non lle sae, pero recoñezo o agradable que é que te reciban cun sorriso e unhas boas palabras. As malas noticias, as situacións violentas e as persoas incómodas creo que se sobrepasan con tranquilidade, sen perder as formas, mais co propósito de saír coa menor cantidade de danos posibles.
Sen botar por fóra, estou case seguro de que se Pepe tivese coñecido a K., o protagonista da novela de Kafka, probablemente na cabeza de Franz non tivera saído unha obra tan longa e densa, senón un microrrelato de fácil conclusión.
Publicidade
Se, como din, o noso país se pode ler é grazas á obra de todos os Pepes que foron debuxando nese lenzo baleiro esta Galicia nomeada. Unha pel que se tatúa no tempo desdebuxando a fronteira entre o humano e o territorio.
As paisaxes que foron, as congostras que non existen, aquel camiño que levaba a tal chousa, o amencer no prado das Lagoas, aquel banco que fixera meu bisavó, esa señora que me dixo aquela frase que me quedou gravada. Son moitos os acordos que a sensibilidade dun mantén gardados, ás veces sen saber ben o porqué. Eu non son persoa que faga destas lembranzas forma ou razón de vivir, recoñezo a súa importancia sentimental, hai unha parte do que somos que sempre queda no pasado, mais inclínome a existir coa vista posta no que teño diante. Aínda así, gústame recordar e recoñecer, sabendo que aquilo que un día foi xa non está, e non volverá, e creo que así debe ser. Así que, sen máis, dende estas liñas que non resumen nin contan vai o miña homenaxe a unha desas persoas anónimas para tantos que son ben famosas para min. Viva Pepe das Cabras!"
Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín.
Comments