top of page
Foto del escritorLaura Moure

Os Reis Magos deixan dúas marquesiñas de agasallo para a cativada de Silleda

Laura Moure/Silleda

A parada de autobús escolar do CEIP de Silleda, na Praza Benito Rivas, apareceu onte cun agasallo moi especial: dúas novas marquesiñas, decoradas con globos de cores e acompañadas dunha carta das súas Maxestades de Oriente. Estas marquesiñas chegaron logo de que foran solicitadas na Recepción Real do día 6 pola alcaldesa en nome de toda a corporación municipal, xa que a que existía era moi pequena e non albergaba aos máis de 30 usuarios da parada. Así, os operarios municipais a instalaron o día 7, para que puidera ser estrenada o primeiro día de colexio logo das vacacións de Nadal

Os Reis, deixaron unha carta nas marquesiñas para os máis pequenos, na que trasladaron que entenderon a importancia de resolver este problema, mentres invitaban aos nenos e nenas a coidar este novo mobiliario urbano como símbolo do seu respecto por Silleda.


As marquesiñas, máis amplas e confortables, forman parte da aposta da Concellería de Xestión Urbana por mellorar as infraestruturas públicas, especialmente aquelas destinadas á veciñanza máis nova. A antiga marquesiña desta parada, unha vez reacondicionada, será recolocada na Rúa Progreso para servir como abrigo ao alumnado do IES Pintor Colmeiro, nunha localización que xa estaba destinada para este fin no deseño da citada rúa.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A alcaldesa, Paula Fernández Pena, subliña que esta acción é “un exemplo de como pequenos cambios poden marcar a diferenza no día a día das nosas nenas e nenos. Grazas á maxia dos Reis, conseguimos transformar unha demanda nunha solución práctica e ilusionante”.


O Concello de Silleda agradece a Edifar Desarrollos Urbanos SL pola cesión do espazo, xa que as marquesiñas se teñen instalado no solar da súa propiedade, que o Concello ten cedido para o seu uso como xardíns. “É fundamental a colaboración cidadá para seguir mellorando os servizos e infraestruturas do municipio”, concluíu a alcaldesa.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page