O Esmorga Folk e o Bandeirock funcionarán coma puntos de recollida de alimentos, xoguetes e outros produtos destinado a familias en risco de exclusión social
Laura Moure/Silleda
A Asociación Cultural Amigos da Empanada continúa ultimando os preparativos da 47 Festa da Empanada da Bandeira (Silleda), que unha vez máis contará cunha completa programación cultural e gastronómica na que destacan os festivais Esmorga Folk e Bandeirock, eventos musicais de referencia na nosa comunidade autónoma e que terán lugar o 17 e 18 de agosto na carballeira da Pomba.
Publicidade
Heredeiros da Crus, Mekanika Rolling Band, Cuarta Xusta, Kona Ke Te Fixo, Leilía, Caxade, a Banda da Bandeira ou Xirandola son só algunhas das 16 bandas que actuarán na Bandeira, nuns festivais que unha vez máis terán formato solidario. Coma tódolos anos, a Asociación Amigos da Empanada anima ás persoas asistentes a achegarse á Bandeira con alimentos non perecedoiros, xoguetes, produtos de hixiene ou de primeira necesidade para ser doados posteriormente a servizos sociais do Concello de Silleda, que realizarán unha distribución dos mesmos a familias en risco de exclusión.
A entrega realizarase durante os festivais no posto oficial da organización situado na entrada do recinto que contará con aparcadoiro, baños, caravana morada así coma unha pequena zona gastronómica.
Comments