top of page
Foto del escritorLaura Moure

Os alcaldes de Arzúa, Santiso e Melide asinan unha carta conxunta dirixida a Rueda ante a ameaza de Altri

Solicitan unha reunión de urxencia co presidente da Xunta de Galiza, facéndose eco do “clamor social” contra a macrocelulosa


Laura Moure/Xeral

Os alcaldes dos concellos de Arzúa, Santiso e Melide, Xoán Xesús Carril, Manolo Adán e Xosé Manuel Pérez, respectivamente, asinaron onte unha carta conxunta dirixida ao presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, para expresar a súa profunda preocupación pola intención da empresa Altri de implantar unha macrocelulosa a poucos quilómetros dos seus municipios.

Na carta, os rexedores subliñan a gran inquietude que esta iniciativa está xerando entre a veciñanza. A proximidade desta planta aos seus municipios e os posibles impactos ambientais, sociais e económicos para as súas xentes son os principais puntos que motivan esta situación.


Nesa carta, os tres alcaldes explican sentirse preocupados ante un proxecto que vai comprometer os recursos hídricos, a calidade do aire e que vai afectar ao tecido produtivos dunha comarca eminentemente agrogandeira e na que o Camiño de Santiago ten tamén un peso moi importante.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Neste sentido, manifestaron respaldar a opinión e a preocupación maioritaria dos veciños e veciñas dos tres concellos, que se ten sustanciado en grandes mobilizacións e nas máis de 20 mil alegacións presentadas contra estre proxecto, xa que temen que teña consecuencias irreparables para a economía, o medio ambiente e a saúde da veciñanza, tal e como avalan sucesivos informes de persoas expertas que se foron facendo públicos. Dado a urxencia do asunto e o impacto que esta iniciativa podería ter nos seus municipios, os rexedores solicitan ao presidente da Xunta unha reunión a maior brevidade posible, co fin de expoñerlle como representantes da veciñanza a preocupación social existente.


Os alcaldes insistiron na súa disposición ao diálogo con todos os axentes implicados nesta cuestión e reiteraron a súa firme oposición a este proxecto, que consideran que compromete o futuro dos seus concellos cun proxecto industrial que cualifican de depredador e insustentable.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page