top of page

Os agricultores e gandeiros galegos van poder seguir empregando o xurro ou o esterco como fertilizantes

Gómez lembrou que polo momento non se declararon estas zonas e advertiu que, en

todo caso, as explotacións non van ter que adoptar medidas no vindeiro mes de maio


Ecos da Comarca/Xeral

Os agricultores e gandeiros galegos van poder seguir empregando o xurro ou o esterco como fertilizantes nas súas terras, con toda normalidade, sempre empregando boas prácticas no caso dunha posible declaración de zonas vulnerables por nitratos de fontes agrarias. Así o afirmou este martes a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, en resposta a unha interpelación no pleno da cámara sobre este asunto. Aínda así, lembrou que aínda se está á espera dos estudos definitivos por parte do Goberno central, que serán os que determinarán se é preciso levar a cabo esta declaración.


Na súa intervención, a titular de Medio Rural lembrou que, polo momento, aínda non se

declararon estas zonas e advertiu que, en todo caso, as explotacións non van ter que adoptar medidas limitantes nin de ningún tipo no vindeiro mes de maio. Isto é así porque,

segundo explicou, malia que se declaren ditas zonas, unha vez adoptada a medida a

propia normativa estatal de aplicación establece un prazo de dous anos para aprobar un

plan de actuación ao respecto.


María José Gómez engadiu que, cando se aprobe o devandito plan, pasarán a ser

obrigatorias determinadas medidas relativas á fertilización agraria e á súa correcta

adecuación ás necesidades do terreo e dos cultivos. Nesta liña, a conselleira insistiu en que o seu departamento “ten a obriga de declarar aquelas zonas nas que a contaminación

estea causada significativamente por nitratos de orixe agraria”. “Declararemos esas zonas

como vulnerables cando o Ministerio o determine con certeza”, remarcou.

Boas prácticas do sector

Ademais, a conselleira insistiu en que os gandeiros levan anos aplicando medidas orientadas a diminuír a contaminación, como a redución de vertidos de augas, cubrición de balsas de xurros e fosas máis dimensionadas, separadores de sólidos e líquidos ou reutilización de sólidos en camas de gando. Son todas elas, subliñou Gómez, actuacións

subvencionables a través dos plans de mellora e do Plan Estratéxico da PAC (Pepac).


Nesta interpelación, a conselleira defendeu o “bo traballo” dos gandeiros e agricultores

galegos no cumprimento das normativas ambientais, así como a súa implicación para ter

unhas explotacións cada día máis sustentables e respectuosas co medio. Como proba

disto, argumentou o feito de que actualmente só tres comunidades da cornixa cantábrica

non teñen áreas declaradas como zonas vulnerables por nitratos, e Galicia é unha delas.


A continuación, fixo un repaso cronolóxico da normativa ao respecto, empezando pola

Directiva comunitaria aprobada en 1991 contra a contaminación producida por nitratos

procedentes de fontes agrarias, ata chegar ao Real Decreto 47/2022, sobre protección das

augas contra a contaminación difusa producida por ditos nitratos. Desta última norma,

destacou que establece unhas concentracións de nitratos máis baixas que as que recolle a

devandita Directiva europea.


Mapas das augas publicados polo Goberno central

Neste contexto, a conselleira explicou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico publicou, dun xeito provisional, os mapas das augas afectadas por esa

contaminación difusa, que son de acceso público. Unha vez publicados estes mapas definitivos e cando estean concluídos os estudos sobre presións agropecuarias, urbanas e

outras significativas realizadas pola Administración estatal, tocaralle actuar á Xunta, no caso de Galicia. E puntualizou que a competencia para declarar zonas vulnerables

corresponde á Consellería, se ben a elaboración de mapas coa localización de augas afectadas é responsabilidade do Goberno central. Por tanto, e tal e como se trasladou nas

reunións informativas co sector agrogandeiro, aínda que non se compartan os criterios do

Ministerio, trabállase para dar cumprimento á lexislación.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Cómpre engadir que Augas de Galicia remitiu ao devandito Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico un escrito no que solicita que se realicen estudos

complementarios e correccións nos que está a elaborar o Goberno central antes de

declarar zonas vulnerables á contaminación por nitratos.


Considérase ademais que o estudo presentado polo Goberno de España non conclúe con claridade ata que punto a contaminación está provocada polas actividades agrogandeiras,

por iso o que solicita Augas de Galicia é que o Goberno central, en coordinación coas

comunidades autónomas, actualice este estudo, unha obriga que -de acordo co que

establece ese real decreto- debe facerse cada catro anos.




Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page