top of page

O XVII Festival de Teatro Escolar de Palas de Rei celebrarase o sábado, 29 de marzo

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Participarán nesta xornada cultural máis de 100 actores e actrices de tres Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Palas de Rei, Touro e Teo)


Laura Moure/Palas de Rei

Onte presentouse no Salón de plenos do Concello de Palas de Rei o XVII Festival de Teatro Escolar de Palas de Rei que se celebrará o sábado, 29 de marzo, na aldea de San Xiao do Camiño e na Casa de Cultura de Palas de Rei.

 

Este evento está organizado polo Concello palense, o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas, A Asociación Cultural Palacio do Rei, a Asociación Cultural A Capela, a Asociación Cultural Os Lobos, a Coral Polifónica de Palas de Rei, Metátese Teatro e Alentía Teatro. Na presentación participaron o alcalde desta vila, Pablo Taboada; Inés Agromartín Busto e Afonso García Penas en representación de Metátese Teatro e Alentía Teatro.

Participarán nesta xornada cultural máis de 100 actores e actrices de tres Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Palas de Rei, Touro e Teo). O programa deste Festival é o seguinte:


Haberá un roteiro teatral, musical e poético ás 16:00 horas na aldea de San Xiao do Camiño, que estará protagonizado por alumnado, familias e profesorado do Obradoiro Municipal de Teatro de Palas e polas Asociación Cultural Palacio do Rei, A Coral Polifónica de Palas, Metátese Teatro e Alentía Teatro.

 

Este roteiro combinará música, teatro, poesía e xogos e persegue varios obxectivos: achegar diferentes xéneros teatrais á poboación, a interrelación entre persoas de diferentes idades e localidades, a aproximación do alumnado ao mundo rural e a súa posta en valor, a transmisión do tecido cultural das xeracións que nos precederon, a posta en práctica dunha educación inclusiva e adapatada á diversidade do alumnado. O punto de partida será a IGREXA de San Xiao e transcurrirá por diversos carreiros da aldea.

 

Ás 19:00 horas, na Casa de Cultura de Palas, O Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, a Aula de Teatro do CPI Fonte Díaz de Teatro e A Aula de Teatro do IES de Cacheiras porán en escena o espectáculo HISTORIAS ENGUEDELLADAS.

 

Espectáculo que desenvolve unha aposta decidida, a través de varias historias tradicionais teatralizadas, por valores esenciais como: a defensa da biodiversidade, o respecto polo medioambiente e pola diferenza, a reivindicación da cultura da paz e o diálogo, a tolerancia, a solidariedade con aqueles seres humanos que máis sofren, a inclusión daquelas persoas con capacidades diversas.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O teatro serve nesta ocasión como ferramenta lúdica para reflexionar sobre a educación que recibimos a través dos contos populares, que posibilitan que nos introduzamos no mundo do xogo, no coñecemento da vida dos antepasados, no achegamento a un fascinante mundo rural que baila, que ri, que soña e que vibra de emoción. Anímaste? Xogamos? Pecha os ollos e introdúcete neste proceso creativo da rapazada teatreira!

Adiante compañía!

 

 Este Festival permite que o alumnado das tres Aulas de teatro interactúe e propicia que amose conxuntamente o traballo realizado durante o Curso teatral que se desenvolve ao longo do curso académico 2024/25 nas tres localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral. Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 6 de febreiro no Teatro Principal de Ourense, continuou no XVI Festival Galego de Teatro Escolar de Touro, o 15 de marzo e seguirá en Teo, Corella (Navarra), Menorca (Baleares) e Muros.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page