top of page

O Sindicato Labrego Galego require a ampliación do prazo de tramitación da solicitude da PAC

A orde publicada con semanas de atraso, formación impartida tarde e múltiples fallos técnicos lastran o proceso de rexistro


Ecos da Comarca/Xeral

O pasado 14 de marzo o Sindicato Labrego Galego como organización tramitadora da solicitude da PAC (Política Agraria Común) recibiu un correo do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) "informándonos de que, a través dunha nota de prensa, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación anunciaba: "no existe ninguna circunstancia especial que haga necesario ampliar los plazos, por lo que ha reiterado la conveniencia de acelerar el ritmo de presentación de solicitudes"". Porén, o propio FOGGA matizaba: “somos conscientes das dificultades iniciais que houbo na nosa comunidade autónoma derivadas da data de publicación da orde de convocatoria das axudas polo que vos agradecemos o esforzo adicional para acadar o ritmo de captura que nos permita rexistrar en prazo todas as solicitudes”.


"Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) consideramos que a afirmación realizada polo Ministerio denota, canto menos, un grave descoñecemento da diversidade de características das producións agrarias presentes no Estado, nomeadamente das galegas, así como do grao de ineficacia de cada unha das administracións autonómicas na xestión da PAC, onde tamén é salientábel o caso galego. Por outra banda, observamos asemade unha significativa falta de vontade ou capacidade por parte da Consellaría do Medio Rural para trasladar as especificidades galegas na tramitación da solicitude única da PAC -principal vía de apoio económico das persoas produtoras de alimentos na Unión Europea-, para que estas sexan tomadas en conta á hora de establecer uns termos realistas para a súa tramitación".

O sindicato reclaca que "na Galiza xa comezamos con complicacións engadidas que non se deron noutros territorios: o prazo estatal de solicitudes iniciou o 20 de febreiro, pero a Xunta de Galicia publicou a Orde varias semanas máis tarde, o 5 de marzo. Continuamos con que a formación proporcionada pola Administración galega ás novas persoas tramitadoras, lonxe de terse impartido antes do inicio de prazo, foi programada para o 6 de marzo, cando a tramitación levaba activa varias semanas. Nesta mesma liña, inda a día de hoxe estamos recibindo códigos dalgún dos expedientes, necesarios para a súa tramitación".


Logo, apunta, "veu, como está a se converter practicamente nunha tradición destas datas próximas á Semana Santa, o via crucis da aplicación informática de tramitación. Canda as habituais ralentizacións e as reiteradas suspensións de funcionamento ao longo de cada día (a páxina queda “colgada”), as entidades tramitadoras estamos tendo que afrontar tamén fallos técnicos específicos que imposibilitan o avance das solicitudes, tales como problemas coas capas de concentración parcelaria non integrada, que nos bote fóra da aplicación logo do paso final de validación despois de estar moito tempo traballando na solicitude ou os erros constantes no cálculo da carga gandeira -que temos que solventar facendo as contas a man-, así como na consulta de información das explotacións á base de datos do SITRAM autonómico".


Ademais, "se ben os cambios na tramitación non son tan numerosos como os que se realizaron o ano pasado, unha das novidades é precisamente que hai que indicar a data de inicio e fin de cultivo de todos os recintos declarados na PAC. No caso galego, o modelo minifundista implica, xa que logo, a inclusión dun número moito maior de datos nestes apartados que os que se introducen noutros territorios do Estado, redundando directamente na cantidade de tempo requirido para realizar cada unha das tramitacións. A ferramenta que permitía solventar este novo requisito con axilidade estivo sen funcionar durante polo menos 15 días. Esta carencia, tendo en conta a estrutura de pequenas e medianas fincas no rural galego, atrasou moitísimo o traballo. Só atendendo aos expedientes do Sindicato Labrego Galego até este momento, afecta á incorporación de datos de máis de 66.000 recintos. De feito, dentro das PAC´s xa tramitadas, 24 teñen máis de 300 recintos, 4 das cales superan o medio milleiro".


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Iso si, sinala o SLG, "é certo que as múltiples incidencias da aplicación son abordadas polo servizo técnico. O inconveniente é que estas paradas para reparación prodúcense ao mediodía, en horario laboral de tramitación, polo que son un motivo máis de demora da mesma. Capítulo a parte merece a cuestión das fotografías xeorreferenciadas: deben ser realizadas a través dunha aplicación que segue sen ser universal para todo tipo de móbiles, adoece dunha mala sincronización de datos e supón un sistema moi pouco axeitado a tenor da idade media de titulares de granxas na Galiza".


"Con tantas complicacións inmediatas, lonxe queda a cuestión de fondo de que algo tan importante como é a solicitude única de axudas da PAC non é so rexistrar, senón tamén asesorar, responsabilidade que as entidades tramitadoras estamos tendo que encaixar dentro de todas estas limitacións temporais. Dende o SLG tamén queremos facer fincapé no significativo impacto na saúde das persoas tramitadoras que están a provocar estas dificultades constantes para poder desenvolver o seu traballo. Alén de tentar solventar a ralentización provocada polos erros reiterados da aplicación informática de rexistro a base de ampliar as súas xornadas laborais mesmo até en fin de semana, a menos de 25 días para o 30 de abril a preocupación e a frustración envolve a ducias de traballadoras e traballadores nunha inxusta situación de ansiedade e estrés por motivos totalmente alleos á súa responsabilidade".


Así as cousas, engade, "resulta obvia a existencia, non dunha, senón de múltiples e diversas circunstancias que, ao contrario do sinalado polo Ministerio, si que fan necesario ampliar os prazos de solicitude da PAC. De feito, tendo en conta que as incidencias técnicas que veñen motivando a ampliación do prazo nos últimos anos están moi lonxe de arranxarse, non resulta de recibo a comunicación enviada polo Ministerio no mes de marzo. Dende o Sindicato Labrego Galego solicitamos á Consellaría do Medio Rural o traslado ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación das graves incidencias que están tendo lugar no noso territorio e demandamos a ampliación do prazo de tramitación da PAC para afrontar as mesmas, como tivo lugar en campañas anteriores. Insistimos tamén en que a Administración realice unha reflexión ao respecto da relativa eficacia da dixitalización deste tipo de procedementos, xa que logo de varios anos de posta en práctica desta metodoloxía fica patente que podería ser sustancialmente mellorada".




Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page