top of page
Foto del escritorLaura Moure

O servizo de orientación laboral do Concello de Lalín asesorou a preto 1.200 persoas en 2024

Isto supón case un cento ao mes


Laura Moure/Lalín

Ao longo de 2024 o servizo de orientación laboral que ofrece o Concello de Lalín atendeu en 2024 un total de 1.178 demandantes de emprego que foron citadas ou redireccionadas por parte da oficina lalinense do Servizo Público de Emprego de Galicia. Do total, 913 asistiron á cita de atención presencial (o 77,5%) e 265 non acudiron por estar traballando ou por non darse localizado (o 22,5%). Así o sinala a concelleira de Emprego, Beatriz Canda Rodríguez, que indica que “este servizo desempeña un papel crucial na mellora da empregabilidade e calidade da vida da súa comunidade”.


Cada mes atendéronse preto dun cento de usuarios, concretamente, 98. Decembro, abril e setembro foron os meses con maior número de persoas demandantes citadas ou redireccionadas, sinala.

A responsable municipal indica que “a iniciativa de crear unha páxina de Facebook por parte do Servizo de Orientación Laboral coa autorización da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, resulta ser un paso importante na modernización e difusión das ofertas de emprego e recursos relacionados”. “A través desta plataforma publícanse ofertas de emprego, información sobre axudas e recursos para a orientación laboral na busca de traballo, o que facilita a conexión directa e áxil entre as persoas demandantes e as oportunidades laborais”, remarca.


Boletín con ofertas de emprego

“Unha das principais ferramentas que se ofrece a través da páxina é o boletín semanal das ofertas de emprego da Comarca que ao longo de 2024 publicou 62 boletíns cun total de 1.100 ofertas de traballo”, afirma. “Este boletín non só inclúe oportunidades laborais locais, senón tamén ofertas doutras entidades, achegando así unha ampla gama de posibilidades de usuarios”, subliña. “A páxina tamén permite o acceso á orientación personalizada, atendendo ás demandas individuais de calquera usuario que recorra o servizo”, remarca.


Mellorar perspectivas de orientación laboral

O servizo de orientación laboral que ofrece o Concello de Lalín representa unha proposta fundamental para mellorar as perspectivas de inserción laboral na comarca, creando un impacto positivo tanto nas persoas como na economía local. A través de apoio personalizado e diversas ferramentas de formación, este servizo permite aos demandantes de emprego explorar as súas fortalezas, mellorar a súa empregabilidade e dar pasos decididos cara ao mercado laboral.


Unha das grandes vantaxes deste servizo é a “avaliación de competencias”, que permite aos usuarios recoñecer as súas habilidades e entender mellor que tipos de postos e sectores son máis adecuados para o seu perfil. A “asesoría na elaboración de currículos e preparación para entrevistas” é outra das principais características, permitindo aos demandantes destacar perante aos empregadores, mostrando de forma clara as súas capacidades e aptitudes. Con este tipo de formación práctica, a confianza e a presentación son melloradas, elementos fundamentais na procura de traballo.


Programas de orientación personalizados

Ademais, o servizo proporciona “información actualizada sobre o mercado laboral”, o que permite aos usuarios coñecer as tendencias locais e as oportunidades de emprego que xorden na súa contorna, unha ferramenta clave para tomar decisión informadas sobre a súa carreira profesional. Esta información, unida a “programas de orientación personalizada”, fai que cada persoa poida recibir o apoio necesario de acordo cos seus intereses e situación particulares, aumentando as posibilidades de éxito na inserción laboral.


Publicidade  


A colaboración coa rede empresarial tamén xoga un papel esencial, creándose vínculos que facilitan o acceso a ofertas de emprego e melloran a visibilidade dos demandantes ante as empresas. Este enfoque directo con compañías locais é esencial para facer realidade a incorporación ao mercado de traballo e tamén favorece o desenvolvemento económico e a competitividade da comarca.


A maiores, este servizo comezou a empregar a ferramenta EMi, Emprego Intelixente, que é unha ferramenta tecnolóxica innovadora implantada nas oficinas de emprego de Galicia, que busca mellorar a calidade do servizo prestado por Emprego Galicia. Este sistema avanzado combina datos, coñecemento e analítica para ofrecer un enfoque baseado nas “competencias e habilidades”, tanto ofertadas como demandadas no mercado laboral, facilitando así a conexión entre persoas demandantes de emprego e empresas.


A principal vantaxe da ferramenta EMi radica na súa capacidade para integrar a información histórica sobre formación e experiencia laboral, coa finalidade de proporcionar unha análise máis precisa e adaptada ás necesidades do mercado.


A misión de EMi é ofrecer máis información e de maior calidade aos distintos axentes que interveñen no mercado de traballo (equipo de orientación, demandantes de emprego, empresas…). En ningún momento substitúe á existente nin elimina o proceso de decisión destes axentes en relación coa mesma.


Colaboración con outros departamentos

A colaboración co departamento de Servizos Sociais e co Centro de Información á Muller (CIM) do Concello tamén é fundamental, xa que fortalece o apoio a colectivos con necesidades específicas e a mellora a coordinación entre as distintas entidades sociais e laborais, sinala.

Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Neste sentido Canda avanza que “en 2024 atendemos a 230 persoas, proporcionando asesoramento personalizado a recursos prácticos para mellorar a súa empregabilidade e facilitar o acceso ao mercado laboral”. “Este servizo resulta esencial para axudar aos usuarios a encontrar oportunidades laborais que se axusten ás súas necesidades e capacidades, contribuíndo así ao benestar e desenvolvemento económico da comarca”, afirma.


“En definitiva, a presenza en redes sociais e o traballo de asesoramento directo son fundamentais para facer fronte aos retos do mercado laboral actual, asegurando que a información chegue de maneira áxil e efectiva ás persoas que buscan mellorar a súa situación laboral”, precisa.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page