top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O PSOE e o BNG emendan un orzamento municipal que consideran "o peor da historia de Lalín"

Mostran “estupor” co feito de que Compromiso por Lalín “pactase co PP unhas contas escandalosamente malas para os intereses da cidadanía lalinenese”


Ecos da Comarca/Lalín

O PSdeG-PSOE e o BNG de Lalín veñen de valorar os orzamentos municipais para o

2024, que cualifican como “pésimos para Lalín”, asegurando que está elaborado “non para dar resposta ás necesidades dos lalinenses, senón co único obxectivo de pagar a débeda desproporcionada xerada polo PP en ano electoral”. Nunha comparecencia conxunta, socialistas e nacionalistas afirmaron que se trata “do peor orzamento da historia de Lalín” e indicaron que as contas se resumen nunha suba escandalosa de salarios, un aumento do 25% dos impostos directos e a recuperación doutros tributos que non se

cobraban, mentres baixan os investimentos e as partidas sociais.

A socialista Alba Forno sinalou que “estamos ante un documento con máis impostos á veciñanza, máis débeda, máis despilfarro en salarios e menos gasto social ou investimentos para mellorar a calidade de vida da cidadanía”. A edil lembrou que “como xa adiantamos, a maior recadación tributaria no 2024 motivada pola subida escandalosa de impostos do PP, non supón o aumento do investimento en servizos, senón un recorte nun orzamento que só pretende pagar unha débeda disparada”.


“É un orzamento que resta e non suma nada para os lalinenses, un orzamento que afonda na desiguldade, que escatima en gasto social, con 50.000 euros menos para iniciativas comon o Concilia e que non recolle proxectos que levan lustros sendo prometidos polo PP como as pistas de atletismo”, sinalou a voceira do PSOE. Por último, Alba Forno lamentou que tras seis meses de Goberno en maioría absoluta “o PP empregue a confrontación permanente co Goberno de Pedro Sánchez para esconder que é incapaz de aprobar os orzamentos en tempo e forma”. “Dicir que non se aprobaron antes porque non se coñece o orzamento estatal é mentirlle á xente para tapar a falta de traballo e a incapacidade de Crespo e do seu equipo para xestionar. Tampouco se coñece o que se vai recibir da Deputación, pero neste caso non lles afecta. Son, polo tanto, mentiras que caen polo seu propio peso”, engadiu Alba Forno.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

Da súa banda, o voceiro nacionalista, Francisco Vilariño, insistiu en que “as contas atenden exclusivamente á necesidade do PP de pagar a débeda e o despilfarro de diñeiro público en ano electoral, que ascende a case 8 millóns de euros”. Considera “un auténtico despropósito que a suba de impostos como o IBI e a recuperación doutros como o ICIO e as plusvalías, no canto de favorecer unhas contas expansivas, supoña un recorte de 700.000 euros en comparación co pasado ano”. “Os lalinenses pagan máis e reciben menos por mor dun goberno nefasto que vive do crédito e que deseñou estas contas para pagar o dispendio do ano anterior”, asegurou.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.

Francisco Vilariño criticou tamén “gastos imobiliarios por case 2 millóns de euros, para financiar, entre outros proxectos, a dubidosa e innecesaria actuación urbanística da gran praza, mentres se abandona o rural e non existen partidas para emprego”. “Son, ademais, unhas contas claramente antisociais, que recortan partidas para entidades e colectivos deste ámbito e reflicten a falta de iniciativa política e dun proxecto global, serio e a longo prazo para impulsar o desenvolvemento social e económico de Lalín”, explicou Francisco Vilariño, quen tamén criticou que “un goberno en maioría absoluta, cos maiores soldos da historia e cun exército de asesores sexa incapaz de aprobar as contas en tempo”.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Pacto de Compromiso

Ante esta realidade, os voceiros municipais de ambas formacións mostraron o seu “estupor” co feito de que Compromiso por Lalín “pactase co PP unhas contas escandalosamente malas para os intereses da cidadanía lalinenese”.


Nesta liña, Francisco Vilariño lembrou que “estamos ante o documento político que avala as liñas de actuación dun goberno para todo un ano e semella que se vai aprobar co beneplácito do partido de Rafael Cuiña, que terá aclarar a que movementos responde este feito”.


Alba Forno, polo seu lado, asegurou que “é moi difícil entender que desde a bancada de Compromiso se poida apoiar un documento económico nefasto”, recordando que “a pesares de todo, a día de hoxe aínda non se coñece que puntos se pactaron exactamente nin os motivos reais que pode haber detrás deste apoio por parte de Cuiña ao PP”.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

コメント


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page