O deputado autonómico, Rubén Lorenzo, mantivo unha reunión cos portavoces populares destes concellos e con compañeiros de Monterroso e Palas de Rei
Ecos da Comarca/Xeral
O Partido Popular da provincia da Coruña reclama aos rexedores dos concellos de Arzúa, Melide e Santiso que deixen de “facer demagoxia” con Altri e coa mina de Touro. Nunha reunión na que participou o deputado autonómico voceiro de Industria, Rubén Lorenzo, e os responsables populares nos municipios de Arzúa, Melide e Santiso, Rafael Rivadulla, Dalia García, Víctor Pereiro, o concelleiro de Palas de Rei, José Ramón García, e o alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, os populares cargaron contra aqueles que “tratan de intoxicar” á cidadanía con declaracións que, na súa opinión, "están moi lonxe da realidade".
“A xente ten que estar tranquila. Estamos a falar dun proceso totalmente regulado sobre a instalación dunha empresa que ten que cumprir uns requisitos”, din os populares. Neste sentido, desde o PP móstranse “moi sorprendidos e preocupados despois de escoitar como os rexedores destes municipios instan á Xunta de Galicia a prevaricar". “Pedir a unha administración que non siga os trámites correspondentes é pedirlle que prevarique. Estamos a falar dun asunto moi grave”, indicaron.
Os populares aproveitaron tamén para subliñar que “todo ten os seus prazos”, en referencia a que a Xunta de Galicia está á espera de recibir toda a documentación para levar a cabo a declaración de impacto ambiental correspondente. “As cousas levan o seu tempo. Estamos ante un proxecto complexo é necesario recibir toda a documentación, darlle a oportunidade á empresa a que faga as alegacións correspondentes e logo tomarase unha decisión”, afirmaron.
Publicidade
"Mirar polo ben común"
Á espera de coñecer os informes e de saber se a empresa cumpre ou non coas esixencias legais, os populares lamentaron que os alcaldes de Arzúa, Melide e Santiso "estean máis ocupados de defender as súas cores política que de analizar en profundidade a necesidade de dotar á comarca de proxectos industriais que permitan consolidar á poboación que vive na zona e, de paso, converter á comarca nun motor económico que logre atraer a máis xente".
“Espero que na súa xestión diaria cumpran a lei, de non ser así, lles aguro moitos problemas na súa labor como alcaldes, pero o que creo que non lle perdoarán os seus veciños é o feito de que, por defender intereses partidistas, poidan prexudicar o futuro económico e social da comarca”, concluiron.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Os alcaldes de Arzúa, Santiso e Melide asinan unha carta conxunta dirixida a Rueda ante a ameaza de Altri: https://www.ecosdacomarca.com/post/os-alcaldes-de-arz%C3%BAa-santiso-e-melide-asinan-unha-carta-conxunta-dirixida-a-rueda-ante-a-ameaza-de
O PP de Arzúa, Melide e Santiso reclámanlle aos alcaldes do BNG que "deixen de malgastar tempo recursos contra ALTRI e a mina de Touro": https://www.ecosdacomarca.com/post/o-pp-de-arz%C3%BAa-melide-e-santiso-recl%C3%A1manlle-aos-alcaldes-do-bng-que-deixen-de-malgastar-tempo-recu
Comments