O PP de Rodeiro elixe á voceira Cati Somoza como nova presidenta por aclamación
- ecosdacomarca
- hace 2 días
- 3 Min. de lectura
Fixa o obxectivo de recuperar o goberno en 2027 “para que haxa unidade e non dous alcaldes”
Ecos da Comarca/Rodeiro
O PP de Rodeiro elixiu á voceira municipal, Cati Somoza, como nova presidenta da agrupación local por aclamación no 5º Congreso Local, celebrado este sábado no Centro Cultural Manuel Lamazares, e fixouse como obxectivo claro e irrenunciable a recuperación do goberno local nas eleccións de 2027. “Queremos que neste concello volva a unidade de acción e os proxectos comúns para todos e non teñamos que aturar a dous alcaldes e tamén queremos que volvan os investimentos en vez da actual política de confrontación constante coas demais administracións propia do PSOE de Vigo”, aseverou a nova presidenta.
Somoza, que vai contar con Álex Cambeiro –integrante da candidatura nas eleccións de 2023– como secretario xeral e cunha potente xunta local conformada por preto dunha vintena de militantes, estivo arroupado neste cónclave congresual polo presidente provincial do PP e concelleiro de Rodeiro, Luis López; a secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro; a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez; e numerosos alcaldes e voceiros do PP de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, así como doutros concellos da provincia.

A xa nova mandataria substitúe deste modo ao fronte do partido ao seu compañeiro na corporación e presidente da Deputación de Pontevedra, moi ovacionado polos asistentes, e tamén debullou as súas liñas mestras para o futuro do proxecto do PP de Rodeiro, tanto a nivel orgánico como institucional, deixando claro que todo o traballo "se vai orientar exclusivamente en atender aos veciños e na preparación das eleccións municipais de 2027 para acadar de novo o executivo municipal".
Cati Somoza deixou claro que o PP local "vai seguir asentándose no pasado, na súa rica historia, na súa importante tradición e nos seus balances de xestión en Rodeiro, lémbrandose deste xeito de Manuel Lamazares, Eliseo Diéguez e Rubén Quintá ademais do propio Luis López, pero vaise seguir renovando e adaptándose ás necesidades e cambios sociais co propósito de fortalecerse aínda máis tras a vitoria electoral de 2023, modernizándose e ampliando a súa base social".
Ademais, tras destacar que os investimentos da Deputación de Pontevedra “están a salvar a Rodeiro e a rescatar aos veciños da nada máis absoluta”, a nova presidenta pedíu “máxima colaboración e traballo” a todos os militantes durante os próximos 778 días ata as eleccións, “xa que todos somos imprescindibles para recuperar o goberno local, "porque precisamos da maioría absoluta para que Rodeiro evite de novo e á primeira, como fixo en 2011, os infaustos efectos destes bipartitos de perdedores”.
Publicidade
Finalmente, o presidente provincial, Luis López, louvou a “exemplariedade” da transición e do proceso congresual realizado en Rodeiro e, tras agradecer o traballo de todos os militantes, valorou moi positivamente a unidade do PP rodeirense “fronte ás discrepancias que hai nos dous partidos que conforman o goberno, xa que defenden intereses moi distintos”.
O tamén presidente da Deputación destacou o traballo “exemplar” de Cati Somoza e de todo o equipo, do que el mesmo forma parte, ao fronte da oposición “asumindo con valentía e eficacia o liderado político do Concello, conseguindo investimentos e resolvendo as cuestións de interese, malia a complexidade de non facelo desde o goberno”. “Isto demostra por enésima vez que a mellor xestión municipal é a dos executivos do PP e deixa claro que, cando os veciños de Rodeiro queiran, terán unha superalcaldesa”, concluíu.
Comments