Luis López, Luisa Piñeiro e Román Rodríguez mantiveron un encontro en Lalín cos seis responsables locais para perfilar a estratexia co obxectivo de “ser de novo a comarca con máis apoio da provincia”
Ecos da Comarca/Deza
O PP da comarca do Deza vén de perfilar a súa campaña electoral de cara ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro e programou múltiples actos de relevancia nos seis concellos que virán acompañados de moitas iniciativas de contacto coa veciñanza para volver asuperar os 60% dos votos.
Publicidade
O presidente provincial, Luis López, a secretaria xeral, Luisa Piñeiro, e o coordinador comarcal, Román Rodríguez, mantiveron onte á noite (polo martes) unha reunión de traballo cos seis responsables locais, José Crespo, Ignacio Maril, Jesús Otero, Cati
Somoza, Carmen Seijas e Adolfo Campos, para perfilar toda a estratexia “co obxectivo claro de obter un rotundo apoio e volver a ser de novo a comarca con máis respaldo para o PP da provincia de Pontevedra, tal e como sucedeu nas eleccións autonómicas do ano 2020”.
Publicidade
“Imos estar preto das familias, dos nosos maiores, da mocidade, do sector agrogandeiro, das pemes e dos autónomos, é dicir, dos sectores e colectivos que sosteñen a esta comarca e imos achegarlles as nosas solucións para as súas necesidades e para seguir mellorando día a día a súa calidade de vida, que foi o que fixemos sempre desde o Partido Popular”, detallou Román Rodríguez que, xunto a Luis López, vai ter unha presenza moi activa na bisbarra.
O presidente provincial, que agradeceu a implicación e o compromiso dos seis
responsables locais e dos centos de militantes do PP no Deza, amosouse convencido de que os populares acadarán “un magnífico resultado dentro de seis semanas, xa que os veciños desta bisbarra sempre nos respaldan moi maioritariamente porque saben que somos o partido que sempre está ao seu carón, ás duras e ás maduras” e estimou que o respaldo da comarca vai ser fundamental “para renovar a presidencia de Alfonso Rueda coa súa primeira maioria absoluta e evitar un multipartito que abandonaría por completo, como fai sempre, a este territorio”.
Publicidade
“Alfonso Rueda ten as súas orixes no Deza, coñece á perfección as súas necesidades e aos veciños e ten sensibilidade coas súas demandas, e fronte á súa indiscutible figura atopámonos cun candidato socialista que aínda non se achegou por estas terras e unha nacionalista que non pasa da ponte de Silleda para mentir sobre supostos acordos das peaxes que nunca chegan polo seu escaso peso político”, concluíu Luis López.
Comments