"Consideramos non só innecesaria, senón tamén motivada por intereses persoais do alcalde, que parecen responder a un intento de pagar favores electorais con nome e apelidos", recalcan os populares
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Partido Popular de Vila de Cruces quere manifestar o seu firme rexeitamento á modificación proposta da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello, "que consideramos non só innecesaria, senón tamén motivada por intereses persoais do alcalde, que parecen responder a un intento de pagar favores electorais con nome e apelidos".
"En primeiro lugar, queremos enfatizar que o posto de conserxe é fundamental para o funcionamento diario das instalacións publicas municipais como o auditorio Xosé Casal ou o Complexo Cultural do Poboado Mineiro de Fontao, sobre todo, para a atención ao público e a organización das actividades dos mesmos. A súa transformación en operario de servizos múltiples ou condutor para o departamento de vías e obras non responde ás necesidades reais do Concello, senón a intereses que nada teñen que ver co benestar da noso municipio".
Ademais, sinala "a proposta de transformar o posto de operario de protección civil en outro de servizo múltiple é alarmante. Este posto é esencial para a xestión de emerxencias no noso municipio, e non se pode deixar sen persoal coa formación e os coñecementos necesarios. A seguridade dos nosos veciños non debe estar en xogo, e é responsabilidade do Concello garantir que estas funcións críticas sexan cubertas por profesionais cualificados".
A transformación do posto de Técnico Medio de Urbanismo en Arquitecto Municipal, "consideramos que esta decisión carece de toda xustificación. As funcións entre ambos postos son similares, e incrementar o gasto nas arcas municipais sen unha razón clara non é unha medida responsable. Este cambio, unha vez máis, parece responder a intereses electorais do alcalde".
Publicidade
Por último, apunta que "a creación dun novo posto de Técnico de Intervención e Tesourería non é necesaria. Historicamente, o departamento funcionou adecuadamente cunha interventora, un tesoureiro e un auxiliar. Actualmente, o Concello conta ademais cunha empresa externa que apoia estas funcións. A suma dun novo posto só incrementaría a carga financeira sen xustificación ningunha. En resumo, a proposta do alcalde para modificar a RPT carece de fundamentos sólidos e responde, tristemente, ao pago de favores electorais a persoas afíns ao seu partido".
Por último, recalcan que queren recordar "que a última modificación da RPT, acordada
exclusivamente con seis traballadores, deixou ao resto da plantilla en unha situación de agravio comparativo. O alcalde comprometeuse en Pleno a actualizar a situación do resto dos traballadores, pero, unha vez máis, demostra que non cumpre as súas promesas e que actúa en beneficio propio en lugar do ben común. Desde o Partido Popular de Vila de Cruces, continuaremos loitando para que as decisións do Concello se tomen en función das necesidades reais do noso municipio e non por intereses particulares de Luís Taboada".
コメント