Permitirá actuar en espazos públicos, como o acondicionamento do aparcadoiro público da avenida da Habana ou a intervención sobre as beirarrúas fronte ao Cantón de San Roque, Rúa Progreso, e Ronda de A Coruña, entre outras
Ecos da Comarca/Melide
O Pleno municipal de Melide acordou, durante a sesión plenaria ordinaria celebrada o
pasado martes, 4 de febreiro, a participación no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+2025. Na mesma xuntanza, o Pleno aprobou un bo número de obras vinculadas a este plan e a non división en lotes de gran parte destes proxectos a fin de garantir aaxilidade dos traballos.
Trátase dunha serie de intervencións sobre espazos públicos en diversos puntos do municipio, centradas en labores de reforma e posta en valor. O POS+2025 contará cunha achega total de 936.348,43 euros, dos que 461.186,54 irán destinados a financiamento de gastos correntes devengados neste exercicio, e os restantes 475.161,88€ destinaranse a financiamento de investimentos.
O pleno deliberou, no tocante a varios dos sinalados investimentos, sobre a posibilidade de non dividir en lotes estas obras, a fin de evitar unha suba de custos e unha dilatación
temporal do traballo. Deste xeito, evitaranse demoras na adxudicación e na execución das
obras e asignaranse de xeito máis racional e ordenado os recursos dispoñibles. Os proxectos sobre os que o pleno aprobou esta non división en lotes son o do
acondicionamento para aparcadoiro na avenida da Habana (cos votos a favor dos grupos
de Adiante Melide e do Partido Socialista); o da reforma e posta en valor do Cantón de
San Roque e da Ronda da Coruña; reforma e posta en valor da rúa San Xoán e da rúa Convento e, por último, un proxecto análogo na rúa Progreso. Estes tres puntos saíron
adiante co voto unánime da corporación local.
Publicidade
Neste apartado de obras, o pleno aprobou un proxecto de mellora da pavimentación e da
seguridade vial nas rúas Alfredo Álvarez González, Alcalde Andrés Rodríguez Martínez,
Xoan XXIII, Bocelo, Rañado, do Pilar, San Salvador, Sofía Casanova, Pastor Barral,
acceso á Cooperativa e nos lugares de O Meire, Cabanelas, Arribas, Gondollín e a Garea,
a través dunha subvención nominativa da Deputación da Coruña. Este proxecto
aprobouse co voto positivo de Adiante Melide e do PSdG-PSOE, e a abstención do
Partido Popular.
Sobre o financiamento de cada unha das intervencións, cómpre sinalar que os proxectos
de acondicionamento do aparcadoiro na avenida da Habana e a reforma do Cantón de
San Roque e da ronda da Coruña serán financiados dentro da achega provincial 2024 do
POS+2025. O aparcadoiro conta cun orzamento total de 316.662,52 euros e un prazo de
execución de catro meses. As obras do cantón e da ronda, pola súa banda, contan cun
orzamento total de 158.499,36 e idéntico prazo de execución.
As obras de reforma e posta en valor da Rúa San Xoán e Convento (272.426,19€) e Rúa
Progreso (187.959,26€), tamén cun prazo de execución de catro meses, formarán parte
das achegas do Plan Complementario de 2025.
No relativo a outros asuntos, o pleno aprobou de maneira unánime o ditame sobre a aprobación inicial da ordenanza reguladora do servizo de préstamo de axudas técnicas
asistenciais do Concello. Tamén se levou a cabo a dación de contas sobre a loita contra a
morosidade nas operacións comerciais e período medio de pagamento a provedores no
último trimestre do pasado ano, onde o período medio de pago do Concello estivo en 0,85
días, e a dación de contas sobre a subministración de información ao ministerio de
Facenda sobre o mesmo período de tempo.
No último apartado, o pleno aprobou unha moción transaccionada do Partido Popular
sobre o transporte público en Galicia, instando ás administracións autonómica e estatal a
vertebrar e conectar Galicia por estrada.
Comments