Actuarán DJ Rokiño, Grupo Nueva Fuerza e DJ Toni Salvaje
Laura Moure/O Pino
Este domingo, 5 de xaneiro, o Concello do Pino acollerá unha das xornadas máis esperadas do Nadal coa tradicional visita dos Reis Magos. Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán as parroquias do municipio, enchendo de ilusión e maxia todos os recunchos antes de culminar o día cunha recepción oficial no polideportivo municipal de Reboredo. Ademais, este ano conta cunha gran novidade: a primeira edición do Festival Sons de Reis, unha proposta musical destinada a complementar este día tan especial e a converterse nun referente nas futuras celebracións.
O percorrido das Súas Maxestades dará comezo ás 10:45 horas no campo de festas de
Pereira e continuará por Santiso (Castrofeito), Gonzar, Medín, Pastor, San Breixo e o resto
das parroquias do municipio. Este amplo itinerario está pensado para que nenos e nenas de todas as parroquias poidan achegarse a saudar aos Reis, conversar con eles e entregarlles as súas cartas. O percorrido rematará ás 18:30 horas no campo de festas de Cebreiro, asegurando que toda a veciñanza teña a oportunidade de participar.
Publicidade
A partir das 19:30 horas, a atención trasladarase ao polideportivo municipal de Reboredo, onde terá lugar a recepción oficial. Este acto contará cunha completa programación que
inclúe música en directo, animación, inchables para os máis pequenos e a entrega de
premios do Concurso de Postais e do I Concurso de Decoración do Nadal.
Ademais, todas as persoas asistentes poderán gozar dun ambiente acolledor con chocolate quente, churros e roscón, que se ofrecerán de forma gratuíta para celebrar a ocasión.
Publicidade
A xornada rematará coa celebración do Festival Sons de Reis, unha iniciativa que se estrea este ano e que promete converterse nunha referencia na programación de Nadal do Pino. O evento musical, que se desenvolverá nunha carpa climatizada xunto á Casa da Cultura, incluirá as actuacións de DJ Rokiño, Grupo Nueva Fuerza e DJ Toni Salvaje, a partir das 20:00 horas e ata a madrugada.
Comments