A inscrición é gratuíta e estará aberta ata o 26 de decembro
Laura Moure/O Pino
O próximo sábado 28 de decembro, o Concello do Pino converterase nun punto de encontro para amantes do deporte e do Nadal coa celebración da I San Silvestre do Pino. Esta carreira popular, organizada pola área de Deportes do Concello en colaboración coa Federación Galega de Atletismo e co Club Atletismo O Pino, marcará unha nova tradición no calendario festivo do municipio, combinando a actividade física coa alegría propia destas datas.
O evento comezará ás 16:30 horas, coa saída na praza de Forcarei, que tamén será o punto de chegada. Durante a tarde, corredores de todas as idades, vestidos co espírito e coa simboloxía do Nadal, percorrerán as rúas do Pino nun ambiente festivo.
A carreira contará con probas adaptadas a distintas franxas de idade e condicións físicas. Os máis pequenos abrirán a xornada cun percorrido de 165 metros para a categoría de
escolares nados entre 2019 e 2021. Deseguido, será a quenda da segunda categoría escolar, cunha distancia de 340 metros para nenos e nenas nados entre 2015 e 2018. Finalmente, ás 17:00 horas, os corredores da categoría absoluta, formada por participantes nados en 2014 ou antes, afrontarán un circuíto aproximado de 4 quilómetros.
Publicidade
Unha vez finalizadas as probas, a praza de Forcarei acollerá, a partir das 17:45 horas, a cerimonia de entrega de premios. Neste acto, recoñeceranse os tres primeiros clasificados
na categoría absoluta, mentres que todos os nenos e nenas recibirán unha medalla conmemorativa pola súa participación. Haberá tamén chocolate con churros para todos os
participantes.
A San Silvestre do Pino non será só unha competición deportiva, senón tamén unha celebración da creatividade e o espírito festivo do Nadal. Por iso, a organización outorgará
premios especiais aos mellores disfraces, tanto individuais como grupais, nas categorías
escolar e absoluta. Os participantes que desexen optar a estes galardóns deberán presentarse na liña de saída con antelación suficiente, para que o xurado, formado por
membros do Concello, do Club Atletismo O Pino e da Federación Galega de Atletismo,
poida avaliar as súas creacións.
Publicidade
A participación na carreira será totalmente gratuíta, aínda que será imprescindible formalizar a inscrición a través das páxinas www.carreirasgalegas.com ou
www.atletismo.gal antes das 23:59 horas do xoves 26 de decembro. Non se admitirán
inscricións fóra do prazo establecido nin o mesmo día da proba, polo que se anima a todas
as persoas interesadas a reservar o seu dorsal canto antes. O día do evento, os dorsais
poderanse recoller na secretaría da competición, situada na mesma praza de Forcarei, cun
límite de 30 minutos antes do inicio da súa carreira correspondente.
Desde o Concello do Pino, invítase a toda a veciñanza, así como a visitantes doutros
puntos, a participar nesta primeira edición da San Silvestre. Xa sexa para correr, animar ou
simplemente desfrutar do ambiente, a xornada promete converterse nunha festa do
deporte e da ilusión propia do Nadal. Para máis información, pode consultarse o regulamento completo do evento na páxina web oficial do Concello do Pino: www.opino.gal
Comments