A categoría escolares 1, para a cativada menor de 5 anos, será a primeira en tomar a saída a partir das 16:30 horas
Laura Moure/O Pino
O Concello do Pino celebra hoxe, sábado 28 de decembro, a primeira edición da súa carreira popular de Nadal, a I San Silvestre do Pino, que reunirá un total de 165 participantes nas diferentes categorías. A inscrición pechouse este xoves, rexistrándose 135 corredores na categoría absoluta (4K), 18 na categoría escolares 1 e 12 na categoría escolares 2.
A competición, organizada pola área de Deportes do Concello en colaboración coa Federación Galega de Atletismo e o Club Atletismo O Pino, pretende consolidarse como un
evento deportivo de referencia no municipio durante as festas de Nadal.
A xornada deportiva dará comezo ás 16:30 horas coa saída da categoría escolares 1, cuxo
percorrido será de 165 metros para nenos e nenas nados entre 2019 e 2021. A
continuación, disputarase a proba da categoría escolares 2, cunha distancia de 340 metros
para participantes nados entre 2015 e 2018.
Publicidade
Ás 17:00 horas, terá lugar a saída da categoría absoluta, destinada a corredores nados en
2014 ou antes, que percorrerán un circuíto aproximado de 4 quilómetros. Todas as probas
sairán e finalizarán na praza de Forcarei, epicentro da actividade.
Premios e recoñecementos
Unha vez rematadas as probas, celebrarase a cerimonia de entrega de premios ás 17:45
horas. Os tres primeiros clasificados da categoría absoluta recibirán trofeos, mentres que
todos os menores participantes serán agasallados cunha medalla conmemorativa. Ademais, outorgaranse recoñecementos aos mellores disfraces individuais e grupais, tanto
en categoría escolar como absoluta, co obxectivo de fomentar a creatividade e o espírito
festivo.
Publicidade
Como complemento á competición deportiva, todos os asistentes poderán desfrutar de
chocolate con churros ao rematar as probas.
Comments