top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O outono climatolóxico de 2024 na comunidade galega foi moi cálido e húmido

A temperatura media foi de 15,8 graos, 1,4 graos máis que o habitual neste período 


Ecos da Comarca/Xeral

O outono climatolóxico de 2024 (setembro, outubro e novembro) en Galicia caracterizouse por ser moi cálido e húmido en canto ás precipitacións, segundo o informe elaborado por MeteoGalicia.


Este período foi moi cálido ao rexistrar unha temperatura media de 15,8 graos e unha anomalía media de 1,4 graos superior ao habitual, segundo os datos rexistrados en 11 das estacións meteorolóxicas máis representativas. Esta situación debeuse ás elevadas temperaturas mínimas medias rexistradas en outubro e novembro. Así, a anomalía media da temperatura mínima foi de 1,9 graos en tanto que no caso da máxima foi de 8 décimas.


Publicidade  

Máis polo miúdo, mentres que setembro foi un mes moi frío cunha temperatura media de 17,1 graos, o que supón un grao inferior ao normal neste período, outubro foi moi cálido cunha media de 16,2 graos -1,7 graos superior ao habitual-. No caso de novembro, foi un mes extremadamente cálido cunha anomalía de 3,3 graos e unha temperatura media de 14,2 graos. De feito, foi o mes de novembro máis cálido desde que hai rexistros.


En canto ás chuvias, Galicia rexistrou un outono climatolóxico húmido cunha precipitación media acumulada entre as 16 estacións máis representativas de 489 litros por metro cadrado, o que representa un 18% máis que o habitual. Os valores estiveron moi por riba do agardado debido ás chuvias xeneralizadas e persistentes de setembro e outubro, que foron moi húmidos.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Nese senso, setembro rexistrou un 62% máis de precipitación do valor climatolóxico habitual e en outubro as precipitacións foron un 53% superiores ás agardadas. Neste último caso, esta anomalía explícase pola chegada de varios ríos atmosféricos así como polos restos do furacán Kirk, que causaron xornadas con cantidades de chuvia moi elevadas. Pola contra, o mes de novembro, con 115 litros por metro cadrado -un 35% inferior ao normal-, foi seco.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page