O Goberno galego e o Mago Rafa organizan en Lugo conxuntamente esta cita co fin de promover a cultura e o entretemento familiar durante estas festas
Laura Moure/Melide
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu á primeira xornada do festival ‘Presto! Maxia en Nadal’ que comezou onte na Delegación Territorial e que inclúe espectáculos unipersoais a cargo de tres dos magos con máis renome a nivel nacional, entre eles o melidense Dani Polo.
O evento comezou coa actuación do Mago Rafa, ao que seguirán os números de Adrián Carratalá -hoxe venres- e de Dani Polo –o sábado-. Todos os espectáculos comezan ás 18:30 horas e teñen unha duración aproximada dunha hora.
O Mago Rafa e o Goberno galego organizan conxuntamente o festival, ao que se convidou aos escolares do municipio de Lugo, co obxectivo de promover a cultura, a diversión e o entretemento familiar durante estas datas de Nadal.
Publicidade
O delegado territorial louvou a “excelente acollida” do evento e a calidade dos magos que participan no mesmo, con espectáculos “deseñados para captar a atención do público familiar, combinando humor, ilusión e participación”.
Magos de renome nacional
‘Presto! Maxia en Nadal’ comezou onte co espectáculo do Mago Rafa, o ilusionista lucense que creou a primeira escola da maxia en Galicia en 2007 e que, ademais da súa faceta como artista, é produtor e organizador de festivais de maxia coma este, cos que consegue levar a ilusión a un público cada vez máis amplo.
Publicidade
Hoxe venres será a quenda de Adrián Carratalá, un dos magos máis creativos do noso país, tres veces campión de España e vencedor en 2019 do prestixioso programa de televisión estadounidense ‘Penn and Teller Fool Us’.
O festival pecharase o sábado coa actuación do melidense Dani Polo, artista polifacético que foi recoñecido do Premio Nacional de Maxia e galardoado co premio Ali Bongo como mago novo revelación en Europa.
Comments