top of page

O inicio de tempada de pesca no Furelos: "Regular para os de cebo artificiais e ben para os miñoqueiros"

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

A nova tempada de pesca en augas continentais comezou onte, domingo, oficialmente na maior parte dos ríos da Comunidade galega para os máis de 47.000 galegos que contan este ano con licenza en vigor



Ecos da Comarca/Xeral

A nova tempada de pesca en augas continentais comezou onte, domingo, oficialmente na maior parte dos ríos da Comunidade galega para os máis de 47.000 galegos que contan este ano con licenza en vigor. Co gallo desta primeira xornada, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, achegouse esta mañá ata o couto de Sigüeiro, no Tambre, ao seu paso por Oroso, onde repasou os principais datos da tempada 2025 así como das novidades e melloras introducidas a nivel administrativo para facilitar as xestións ao sector.


Neste sentido, a responsable autonómica cifrou en 24.530 as licenzas de pesca vixentes en Galicia exentas de pago neste momento por tratarse os seus titulares de menores de idade ou de persoas de máis de 65 anos. Esta exención foi unha das novidades recollidas na Lei de pesca continental autonómica aprobada en 2021 co fin de impulsar a remuda xeracional dun sector que conta cunha gran tradición na Comunidade e a día de hoxe xa beneficia á metade dos pescadores.


A maiores, coa finalidade de simplificar e facilitar as xestións administrativas entre o colectivo, Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta empezou o ano pasado a enviar de xeito automático a renovación das licenzas correspondentes aos pescadores maiores de 65 anos e subliñou ademais que en 2025, por primeira vez, os permisos deste colectivo pasan a ter carácter indefinido polo que non será necesario que teñan que renovalos.

Seguindo esta mesma liña de simplificación, a conselleira explicou que, a maiores e como novidade, a comezos deste mes de marzo se empezaron a enviar de oficio máis de 14.300 SMS aos titulares de licenzas de pesca continental menores de 65 anos para avisalos da próxima caducidade dos seus permisos.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Todas estas medidas, como explicou Ángeles Vázquez, enmárcanse na estratexia da Xunta de estreitar lazos coa cidadanía e poñer á súa disposición máis e mellores servizos.

De feito, vinculou o incremento notable no número de licenzas de pesca continental en vigor en Galicia ás medidas e melloras administrativas impulsadas desde o seu departamento nestes últimos anos. Así, fronte ás máis de 38.000 licenzas activas por estas datas en 2024, este ano a cifra supera ás 47.000.


Actividade clave para os recursos fluviais

Tras saudar a varios afeccionados presentes na zona, que conta con 10,8 km de río divididos en dous tramos de couto, Ángeles Vázquez salientou que Galicia é un lugar “privilexiado” para os amantes da pesca, xa que conta cunha rede fluvial de arredor de 14.000 km e 150 coutos nos que se poden practicar distintas modalidades de pesca sobre especies como a troita, o salmón ou o reo.


Ademais, aproveitou a visita para apelar á responsabilidade de todos os pescadores no desenvolvemento da actividade ao longo da presente tempada, salientando "a súa gran contribución a garantir o bo estado dos distintos recursos fluviais da Comunidade e a sostibilidade a futuro desta práctica".


Neste sentido, a conselleira fixo fincapé na necesidade de seguir avanzando na liña de divulgar os valores naturais asociados a esta actividade, especialmente entre a poboación moza. Con tal fin, lembrou precisamente que esta semana a Consellería vén de renovar a sinatura do convenio de colaboración coa Federación Galega de Pesca e que o pasado mes de febreiro asinou 62 acordos con outras tantas entidades de pesca.


Segundo figura na orde reguladora das normas que rexerán este ano para as distintas especies en augas continentais galegas, a tempada rematará con carácter xeral o 31 de xullo. En todo caso, nos coutos de pesca intensiva e nos tramos de pesca sen morte prolongarase ata o 30 de setembro.


Así mesmo, decláranse os luns como días inhábiles para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves serán hábiles unicamente para a modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto festivos nacionais ou autonómicos, que se poderá pescar segundo a modalidade autorizada en cada masa de auga.

Troitas pescadas onte no río Furelos.
Troitas pescadas onte no río Furelos.

A Asociacón de Troiteiros Río Furelos de Melide indican que neste inicio de tempada "no Furelos  moito frío, regular para os de cebo artificiaís e ben para os miñoqueiros. Augas claras e frías e bon caudal". Este foi o que pescaron onte:

  • 1 con 5 troitas 

  • 3 con 4 troitas 

  • 4 con 3 troitas 

  • 2 con 1 troita

A máis grande  30 centímetros.

A asociación tamén aproveitou para levar a cabo a limpeza, mantemento e reposición dos sinais.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page