A alcaldesa lamenta que as traballadoras que o mércores mesmo presentaron un escrito por Rexistro cos mesmo argumentos que recolle o BNG non agardaran a reunirse co executivo, tal e como piden na solicitude
Ecos da Comarca/Silleda
O goberno municipal de Silleda lamenta as declaracións do BNG sobre as condicións laborais do personal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). "Unhas declaracións que recollen ao pé da letra o escrito presentado no Rexistro Municipal o mércores día 5 de febreiro, asinado por 10 das 28 persoas que forman a día de hoxe a plantilla de auxiliares do servizo, o único que se presta na comarca -e en contados municipios galegos- de xeito
directo dende o Concello".
Para o executivo local, "esta politización do que é con moito o servizo máis complexo e costoso que se presta á veciñanza a día de hoxe, tanto en Silleda como no resto dos Concellos de Galicia, só vén a perxudicar a prestación dun servizo no que se veñen realizando nos últimos meses distintas melloras tanto nas condicións de traballo das auxiliares como na atención que se presta ás familias".
En canto aos supostos incumprimentos de convenio aos que se refire o Bloque, "dende o goberno aclarase que en ningún caso se poden considerar como tales, senón que derivan da adaptación dos servizos -moitas veces no propio día- ás necesidades reais das persoas usuarias (ingresos hospitalarios, falecementos... ) ou das propias auxiliares ( baixas, días de libranza de guardia ou asuntos propios, asistencia a consultas médicas...)". “O servizo neste Concello nunca atentou contra os dereitos básicos das traballadoras”, como afirma o BNG.
O goberno nega a falta de coordinación á que alude o BNG "e que se siga confundindo á cidadanía, xa que debe ser unha Traballadora Social (no caso de Silleda hai dúas) quen se encargue da coordinación directa do servizo, e non un concelleiro ou concelleira, que ten a obriga de supervisar pero nunca coordinar". O goberno silledense, advirte que dende a municipalización do servizo melloraron moito as condicións das traballadoras e que dicir que as horas extras son a causa do sobrecoste “é síntoma de descoñecemento do funcionamento do servizo que nin sequera deberían de prestar os concellos”.
Publicidade
28 auxiliares para atender a 63 persoas usuarias
A día de hoxe, sinala, que o SAF de Silleda conta con 28 auxiliares en plantilla (con 5 delas de baixa na actualidade) e 2 coordinadoras, para dar servizo sólamente a 63 persoas usuarias, se ben hai unha considerable lista de agarda ao igual que noutros moitos concellos galegos.
"En todo caso, ante as queixas manifestadas por estas 10 auxiliares, dende o goberno se solicitou, xa na xornada do xoves, un informe ás coordinadoras do SAF para corroborar os relatos manifestados no escrito das traballadoras, así como tamén se contactou cun servizo xurídico. Lamentamos igualmente que as auxiliares que asinan o escrito non agardaran a reunirse co goberno, tal e como solicitan no mesmo, para aclarar as situacións que expoñen, sobre todo tendo en conta que dende marzo do ano pasado xa houbo varias reunións”.
Un dos poucos municipalizados dende 2022
Recalca que "en xaneiro de 2022 o goberno municipal iniciou os trámites para subrogar a máis de 30 traballadoras naquel momento, convertíndose nun dos poucos municipios que xestionan directamente o servizo, despois de que a empresa concesionaria do mesmo dera en quebra. Con moito esforzo, o servizo non se deixou de prestar en ningún momento, garantindo tanto a atención ás familias usuarias como o cobro dos salarios das traballadoras, unha situación excepcional, á que que sumou o elevado coste que supuxo para as arcas municipais todo aquel proceso, que ronda os 200.000 euros. E todo nun servizo no que a diferencia doutras localidades se presta directamente dende a Administración Pública, cas vantaxes que isto supón para a plantilla”, indica a alcaldesa Paula Fernández.
Lembra que "este servizo ten un custe para o Concello de 800.000 euros, financiando as arcas municipais máis do 50% do mesmo, cando en realidade debería ser a Xunta quen o prestara, e non as entidades locais ás que se está afogando económicamente con esta competencia impropia".
Declaracións do BNG: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-de-silleda-denuncia-incumprimentos-do-concello-en-materia-laboral-no-saf
Comments