O alcalde de Monterroso agradece todo o traballo levado a cabo por estes efectivos día tras día e traslada o seu compromiso de reclamar máis persoal
Laura Moure/Monterroso
O GES de Monterroso realizou 380 intervencións en 2024, destacando as actuacións en accidentes de tráfico e incendios. O Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Monterroso realizou durante o ano 2024 un total de 380 intervencións. O operativo con base no mercado gandeiro de Monterroso atendeu incidencias de ata oito concellos: Monterroso, Antas de Ulla, A Golada, Rodeiro, Taboada, Portomarín, Guntín e Palas de Rei.
Desde a súa posta en marcha no ano 2013 o GES atendeu preto de 5.000 incidencias, cunha media anual de 400 actuacións, que en 2024 se viron reducidas tras a decisión da Xunta de Galicia de encargar a retirada dos niños de avespa velutina á empresa TRAGSA. Aínda así, ocupáronse da retirada de 22 niños por atoparse en lugares de alto risco para as persoas, como vivendas ou parques públicos.
No servizo traballan 12 efectivos ao longo de todo o ano e contan cun financiamento de 320.000 euros, que achegan a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo. A maior parte das saídas do GES de Monterroso están relacionadas con accidentes de tráfico (29 actuacións) e incendios, na súa maior parte urbanos (28 incendios en 2024). A maiores, interviñeron en 68 sinalamentos de tráfico, ou na recollida de animais soltos nas vías (36), así como na retirada de árbores (18 actuacións).
Outras actuacións.
Ao longo de todo o ano levaron a cabo a limpeza de vías, (15 saídas), asistencia a vehículos (6 saídas), asistencia sanitaria (17 saídas), anegamentos (11 saídas), actividades deportivas, (6 saídas), busca de persoas desaparecidas, (2 saídas) e concentracións de persoas, (12 saídas).
canto aos incendios, 28 foron urbanos, 2 industriais, 2 forestais e cinco en vehículos. Os membros do GES interviñeron ademais en 17 ocasións na apertura de portas prestando axuda, sobre todo, a persoas maiores en dificultades.
Tamén participaron en varios simulacros e ofreceron charlas ao alumnado do Colexio e do IES Monterroso para achegar o seu traballo á sociedade e ensinarlles como actuar en situacións de emerxencia.
O GES, tal e como indica o Concello de Monterrroso, conta cun importante equipamento formado por tres vehículos motobomba, un vehículo forestal, todoterreos, furgonetas e EPIS, equipos de eliminación de avespas, de excarceración e outros equipos necesarios para poder actuar en todo tipo de incidencias.
Publicidade
Petición de máis persoal
O alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, agradece todo o traballo levado a cabo por estes efectivos día tras día e traslada o seu compromiso de reclamar máis persoal para poder atender “de xeito eficiente” a todos os concellos aos que se lles está dando o servizo. Unha reclamación que fará chegar aos organismos competentes co ánimo de que poida ser atendida “canto antes”.
O rexedor sinala que os GES teñen cuberto en varias ocasións o servizo cando se pecharon os parques de bombeiros de Chantada e Arzúa, o que aumenta de xeito significativo o radio de acción e, polo tanto, o custe de mantemento do servizo, tendo en conta ademais que tamén aumentou o radio de acción no que actúan. “O feito de que se poñan en alerta os GES para cubrir o servizo cando os parques de bombeiros estiveron pechados xustifica a necesidade de incrementar o cadro de persoal co que contan se queremos garantir a seguridade no traballo dos efectivos, de xeito que en ningún momento o servizo conte con menos de tres efectivos”.
Por iso, engade, “as administracións que teñen as competencias en materia de emerxencias para os concellos máis pequenos deben implicarse máis e aumentar o financiamento para poder garantir un servizo de calidade e en condicións de seguridade no traballo para os seus membros”, conclúe.
Comments