Solicita por unanimidade que se realicen os estudos patrimoniais independentes pertinentes
Ecos da Comarca/A Ulloa
O Departamento de Historia da Arte da USC, ante a solicitude da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), mostra a súa “preocupación polo impacto que a implantación da fábrica de celulosa e fibra téxtil Altri tería no patrimonio cultural da zona de Palas de Rei e solicita por unanimidade que se realicen os estudos patrimoniais independentes pertinentes”.
Así quedou recollido nun comunicado logo de ser tratado o asunto nun Consello de Departamento e de valorar os documentos expostos a información e valoración pública entre o 4 de marzo e o 17 de abril de 2024 relativos á Solicitude de Autorización Ambiental Integrada (AAI), Estudo de Impacto Ambiental (EIA) e o Proxecto para a implantación da industria e a súas infraestruturas asociadas.
Comunicado:
"Ante a solicitude realizada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) na que se requiría un posicionamento do Departamento de Historia da Arte da USC respecto dos posibles impactos que a implantación do proxecto da fábrica de Altri podería ter sobre o patrimonio cultural na comarca da Ulloa, este departamento comunica: Que esta solicitude foi tratada na reunión ordinaria do Consello de Departamento do 19 de abril de 2024.
Nesta, o profesorado amosou conxuntamente a súa preocupación sobre o potencial impacto que a implantación deste proxecto industrial tería para o patrimonio e a paisaxe cultural da zona. Para esta valoración, tivéronse en conta os documentos pertinentes que se expuxeron á información e valoración pública entre o 4 de marzo e o 17 de abril de 2024, relativos ao mencionado proxecto: a Solicitude de Autorización Ambiental Integrada (AAI), o Estudo de Impacto Ambiental (EIA), e o Proxecto para a implantación da industria e a súas infraestruturas asociadas. Coñecendo os informes, o profesorado do departamento considerou que, no relativo ao patrimonio cultural, estes resultan insuficientes, carecendo de estudos específicos e exhaustivos sobre o conxunto de bens culturais da zona, tendo só en conta unha pequena parte do Camiño de Santiago francés, o Castro de Remonde e o Castelo de Pambre xunto coa súa área de protección.
A este respecto, o departamento está de acordo coas pautas de recomendación publicadas polo Comité Nacional Español do ICOMOS no seu comunicado do 17 de abril de 2024, no que se afirmaba que sería preciso levar a cabo unha Avaliación de Impacto Patrimonial Independente á xa pagada por la empresa. Considérase que este estudo de impacto patrimonial debe ter en conta os diversos bens patrimoniais da zona, así como considerar os posibles impactos visuais, acústicos e de percepción que a fábrica e o seu contexto terían no caso de ser implantada. Ademais, tamén se valoran insuficientes as medidas de mitigación propostas nos devanditos informes.
Publicidade
Considérase tamén que os informes proporcionados até o de agora reforzan en gran medida a importancia do impulso económico que a fábrica tería sobre a zona coa creación de emprego, sen abordar os prexuízos económicos que implicaría nos ámbitos turístico e patrimonial, vertebrados principalmente polo Camiño de Santiago francés, recoñecido como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1993) e Primeiro Itinerario Cultural do Consello de Europa (1987).
Tendo todo isto en conta e cumprindo co requirimento de posicionamento de ADEGA, o Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela mostra a súa preocupación polo impacto que a implantación da fábrica de celulosa e fibra téxtil Altri tería no patrimonio cultural da zona de Palas de Rei e solicita por unanimidade que se realicen os estudos patrimoniais independentes pertinentes, paralizándose o proxecto mentres eses estudos pormenorizados non se leven a cabo".
Comments