O acordo será aplicado aos bombeiros que prestan os seus servizos nos parques de Carballo, Arteixo, Ordes, Arzúa, As Pontes, Betanzos, Boiro, Ribeira, Cee e Santa Comba
Ecos da Comarca/Arzúa
O Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento da Coruña, integrado pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, aprobou por unanimidade na sesión plenaria ordinaria celebrada este martes na sede da institución provincial o primeiro convenio colectivo para o persoal operativo dos parques provinciais de bombeiros, así como a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que define as funcións específicas de todos os postos e o novo organigrama. O acordo aprobado onte será aplicado desde o día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia aos bombeiros que prestan os seus servizos nos dez parques provinciais da provincia: Carballo, Arteixo, Ordes, Arzúa, As Pontes, Betanzos, Boiro, Ribeira, Cee e Santa Comba.

O convenio recolle melloras salariais en todas as categorías profesionais, quedando a estrutura retributiva do persoal acollido ao mesmo á estrutura do persoal funcionario e a regulación das horas extraordinarias. Tamén se establece un incremento dos efectivos dos parques comarcais. Así o explicou o presidente do Consorcio e da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que explicou que as melloras salariais “supoñen un incremento de máis de 8.100 euros anuais na categoría de bombeiro e un aumento de plantilla de preto de 42 efectivos”, que se sumarán aos 174 existentes actualmente na provincia.
Sistema de emerxencias público
“É un momento importante, que pon fin a un conflito longo e que se suma a feitos que aínda son máis importantes e que convén lembrar: estes bombeiros formaban parte de empresas privadas ata hai poucos anos. Conseguimos que pasaran a ser persoal público de forma interina e agora son fixos da administración pública”, explicou Formoso, que defendeu que “os traballadores de servizos fundamentais como as emerxencias formen parte dun sistema público e non privatizado”.
O presidente da Deputación da Coruña e do Consorcio Provincial Contra Incendios afirmou que “a mellora das condicións laborais dos bombeiros cun posto de traballo estable, seguro, vocacional e ben retribuído redundarán tamén nun mellor servizo para a cidadanía, froito da colaboración entre a consellería de Presidencia, a Deputación da Coruña e as distintas forzas sindicais que representan aos traballadores e traballadoras”, apuntou.
Publicidade
Pola súa banda, o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, expresou tamén a súa satisfacción por este acordo, “que pon fin a un longo conflito cos bombeiros e que supón melloras económicas e sociais”.
Villanueva puxo tamén en valor a colaboración entre a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, que propicia que “A Coruña sexa probablemente a provincia con maior número de servizos profesionais de emerxencias”. Ademais das melloras salariais e o incremento de efectivos nos parques comarcais de bombeiros, o acordo de hoxe contempla tamén melloras sociais para os bombeiros, así como medidas para favorecer a conciliación familiar e a formación continua dos profesionais das emerxencias na provincia coruñesa.
Comments