Está dirixida ao público a partir de 15 anos
Laura Moure/O Pino
O Concello do Pino lanza o programa Outono Teatral, unha nova iniciativa cultural que busca fomentar o interese e a participación da veciñanza no teatro. Destinada a un público a partir de 15 anos, esta proposta inclúe a chegada ao municipio de dúas destacadas representacións teatrais que terán lugar na casa da cultura.
Publicidade
O programa arranca o domingo 10 de novembro, ás 18:00 horas, coa obra Bernarda, da
compañía Malasombra Producións. A obra aborda a historia de Bernarda, unha muller de carácter duro, moldeada pola dureza dunha infancia de posguerra. A trama desenvolve un conflito interxeracional entre Bernarda e as súas fillas, reflectindo as tensións de valores entre o pasado e unha nova sociedade en cambio. Esta produción foi seleccionada como
candidata a Mellor Espectáculo nos Premios Max 2021 e recibiu os Premios María Casares en 2020 ao de Mellor espectáculo, Mellor dirección, Mellor texto orixinal e Mellor actriz
secundaria a Celia González.
A segunda función do ciclo será o 1 de decembro, tamén ás 18:00 horas, coa obra Bravas,
interpretada por Isabel Risco. Galardoada co III Premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña, a peza ofrece unha reflexión sobre a historia das mulleres galegas ao longo dos
séculos, destacando a súa loita, valor e resistencia. Isabel Risco utiliza o teatro cómico e
comprometido para explorar as vidas das nosas antepasadas, e tamén das mulleres do
presente e do futuro, cunha visión humorística e reivindicativa.
Publicidade
Con esta programación, o Concello do Pino quere contribuír a que o teatro sexa unha
actividade cultural de referencia no municipio, promovendo o coñecemento e a paixón polas artes escénicas entre a veciñanza. Outono Teatral enmárcase dentro da aposta do Concello por unha oferta cultural variada e accesible para as persoas de todas as idades.
Comentarios