top of page
Foto del escritorLaura Moure

O Concello do Pino busca persoas voluntarias para un proxecto de verán vinculado ao Camiño de Santiago

Está dirixido á mocidade do municipio de entre 16 e 30 anos e desenvolverase nos meses de xuño, xullo e agosto


Laura Moure/O Pino

O Concello do Pino lanza unha proposta para coñecer se hai persoas interesadas en participar como voluntarias nun proxecto que se desenvolverá nos meses de xuño, xullo e agosto. Esta iniciativa, vinculada ao Camiño de Santiago, ten como obxectivos principais

fomentar a actividade física e o benestar, potenciar o patrimonio cultural e turístico desta

contorna e promover a participación cidadá.


Este Servizo de voluntariado xuvenil 2025 estará regulado polas bases recollidas no Diario Oficial de Galicia (DOG), publicado este 15 de xaneiro. A orde da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recolle as bases que rexerán a concesión de subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais, baixo o código de procedemento BS320A.

No municipio do Pino, as persoas de entre 16 e 30 anos que estean interesadas en participar nesta iniciativa deberán manifestar o seu interese antes do 24 de xaneiro ás 14:00 horas. Para solicitar máis información, aclarar dúbidas ou apuntarse como voluntarias, deberán contactar co departamento de Deportes de forma presencial nas oficinas municipais, chamando ao teléfono 981 511 002 ou enviando un correo electrónico ao enderezo deportes@opino.gal A proposta está aberta a toda a mocidade do municipio.


O proxecto ten unha duración de entre 15 e 60 días, con xornadas de 6 horas diarias, e busca implicar a mocidade galega entre 16 e 30 anos. As actividades incluirán a posta en valor do Camiño de Santiago mediante iniciativas que combinen o deporte, o patrimonio cultural e a conexión coa comunidade local. Tamén se fomentará o contacto coa veciñanza e os peregrinos, promovendo valores de solidariedade, integración e respecto polo medio.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

As persoas seleccionadas recibirán formación específica sobre as actividades a desenvolver e apoio continuado durante todo o proxecto. Ademais, ao finalizar o programa, entregaranse certificados de participación e experiencias voluntarias, recoñecidos oficialmente pola Dirección Xeral de Xuventude.


Con este proxecto, o Concello do Pino reafirma o seu compromiso co desenvolvemento da mocidade, a valorización do Camiño de Santiago e o fortalecemento da nosa identidade cultural. "Animamos á mocidade a implicarse nesta iniciativa que, ademais de ser unha experiencia persoal enriquecedora, contribúe ao benestar colectivo e á dinamización social e turística da nosa contorna", sinala o Concello.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page