top of page
Foto del escritorLaura Moure

O Concello de Silleda inicia o cambio das luminarias dos cascos urbanos

A seguinte fase será o cambio de todos os cadros eléctricos


Laura Moure/Silleda

Logo de que nas últimas semana se rematara practicamente todo o cambio de luminarias no rural, o servizo Silleda é luz, vén de comezar xa co cambio de luminarias dos cascos urbanos de Silleda e da Bandeira. Así pois, nestes días, os operarios do servizo estiveron traballando nas rúas nas que aínda se mantiñan instaladas lámpadas de vapor de sodio, retirando de cada farola a luminaria completa e substituíndoas por outras con tecnoloxía

LED. “Isto permitirá que o noso Concello teña un alumeado 100% con tecnoloxía LED que é un dos obxectivos medioambientais que nos propuxemos para este mandato”, di a alcaldesa, Paula Fernández Pena.


Esta fase do contrato iniciouse na vila de Silleda, co cambio de luminarias da Praza da Igrexa que serviu para comprobar o nivel de intensidade lumínica conseguida. Logo desa proba, os operarios da contrata municipal continuaron coa súa labor nas Rúas Outeiro, Pintor Colmeiro, Emilio Alonso Paz, Cartaxena, Santa Eulalia e Campo de Arriba, así como na Rotonda PO-211.

Ademais, a principios do mes que vén, actuarase nas Rúas Estación, Camiño do Castro, Condes de Deza e na Praza Juan Salgueiro, nas que ademais das luminarias novas se cambiarán todos os báculos, tal e como se recolleu nas melloras do contrato asinado con Ferrovial.


Na capital municipal, quedaría pendente de cambio toda a zona do CEIP, pavillón César González Fares, campo de Fútbol Joselu Mato e a Escola de música xa que en toda esa zona se instalarán farolas novas cas obras de remodelación de toda a zona, que está en proceso de contratación a través do programa PON2030. Unha vez finalizados os traballos na vila, se realizarán labores de reforzo en algunhas rúas como a Pintor Colmeiro, na que faltan farolas, e na rúa Alonso Paz na que deben aumentarse o número de luminarias no entronque coa rúa Progreso.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Na vila da Bandeira, os traballos comezarán o luns día 15, e prolongaranse durante toda a semana. Cambiaranse as luminarias de toda a rúa Xeral, a Rúa da Esmorga, a Rúa Maceira Boa e a Rúa da Empanada. Non se cambiarán en toda a zona da Praza Juan Salgueiro e da Feira así como das rúas afectadas polas obras de mellora que se están facendo neste momento, xa que se instalarán totalmente novas no marco das mesmas. Ademais, dentro do contrato con Ferrovial, establecese tamén a limpeza e preparación de todas as columnas de ambos cascos urbanos, con tarefas de pintado e reposición de elementos deteriorados.


Cambios no rural

Nas vindeiras semanas rematarán os cambios de farolas nas áreas recreativas, parques e igrexas do rural, espazos nos que a partir de agora as luces permanecerán prendidas todos os días do ano.


En relación ao resto de puntos de luz, están instalados na súa practica totalidade con excepción duns 50 puntos de luz en todo o territorio que non se cambiaron, ben por que non figuraban no inventario previo ou ben por non ser accesibles, e que agora serán motivo de análise entre contrata e goberno, previo ao seu cambio. “Estamos mantendo reunións periódicas de seguemento do contrato entre o goberno municipal, contrata e a Oficina de Control e seguemento (OCSI) do mesmo, para garantir o seu íntegro cumprimento” , sinala Fernández Pena.


No marco desas reunións, o responsable de Ferrovial, presentoulle á alcaldesa e ao técnico da OCSI, aos dous novos operarios do servizo que se teñen incorporado para garantir o mantemento rutinario, tanto programado como preventivo, e correctivo co fin de garantir o perfecto funcionamento e limpeza de toda a rede de alumeado público exterior do Concello. “Dámoslle a benvida ao servizo Silleda é luz, e pedímoslle o máximo compromiso con este concello,” di a alcaldesa.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Redución de cadros

Unha vez finalizado o traballo coas luminarias en todo o territorio, procederase ao cambio dos cadros eléctricos, momento no que se aproveitará para facer traballos de unificación de redes de alumeado de cadros próximos, o que permitirá reducir o seu número dende os 278 cadros ata os 19. “O cambio de cadros non só vai a reducir o número de avarías, porque os actuais xa son antigos, senón que será mais sinxelo facer un correcto seguimento e mantemento dos mesmos”, apunta a rexidora.


O contrato de Servizos enerxéticos e de mantemento integral do alumeado público exterior do Concello de Silleda ten unha vixencia de 14 anos e un importe total de 8.393.274,54 € que corresponde a 599.519,61 anuais Ferrovial asume toda a xestión do sistema de alumeado exterior, a renovación das instalacións do alumeado e a renovación integral dos cadros eléctricos existentes e a súa xestión, así como o abono do consumo eléctrico das luminarias, semáforos, alumeado de nadal, as marquesiñas e regos.


0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page