top of page
Foto del escritorLaura Moure

O Concello de Arzúa ofrece a terceira das excursións do programa Coñece o teu país

Será o 31 de agosto á cidade de Pontevedra


Laura Moure/Arzúa

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa informa da apertura do prazo de inscrición para a terceira das excursións do programa Coñece o teu país deste ano. Un ano máis, de maneira totalmente gratuíta, os veciños e veciñas poden realizar catro excursións ás catro provincias galegas.

Despois de coñecer máis de preto as localidades de Ares, Mugardos e O Saviñao, a terceira viaxe será o vindeiro sábado día 31 de agosto á cidade de Pontevedra. Nesta ocasión farase unha visita guiada á zona monumental da cidade con acompañamento dunha guía oficial e coñecerase o Museo Provincial de Pontevedra.


O museo creouse no ano 1927 por iniciativa da Deputación de Pontevedra. Conta con sete sedes distribuídas polo conxunto histórico de Pontevedra. A exposición permanente do museo pode visitarse actualmente nos edificios Castelao e Sarmiento. Na colección de arqueoloxía destacan as pezas de ourivaría, que inclúen o maior tesouro de ouro da prehistoria en Europa. O percorrido pola arte galega comprende desde o século XIV ata principios do XXI, no que sobresaen o único retablo medieval pintado galego que chegou ata os nosos días, os relevos barrocos de José Gambino e José Ferreiro, as paisaxes románticas de Jenaro Pérez Villaamil e obras de grandes nomes como Sotomayor, Arturo Souto, Maruja Mallo, Laxeiro, os membros do Grupo Atlántica e Castelao ao que se lle dedican dúas salas.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O museo conta tamén con salas dedicadas á arte española, á arte da represión e o exilio, ao violinista Manuel Quiroga, á cerámica de Sargadelos, ás principais olerías españolas e á arte e porcelana asiática-oriental. O día completarase con tempo para xantar e cun paseo polos xardíns do Pazo de Lourizán pola tarde.


Segundo se indica dende o Departamento de Cultura, todas as persoas interesadas en participar no programa deben achegarse persoalmente á Oficina de Cultura e Deportes a partir de hoxe, venres, 23 de agosto, podendo anotar como máximo a un acompañante por cada solicitante. As prazas dispoñibles iranse cubrindo por orde de inscrición, sendo as mesmas limitadas.




0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

댓글


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page