A Xunta impulsa desde hai dez cursos esta iniciativa baseada na observación do traballo na aula que permite as docentes coñecer outras realidades e replicalas
Laura Moure/Xeral
Un total de 36 centros educativos galegos intercambiarán boas prácticas docentes ao abeiro da fase autonómica do programa Observa_Acción da Xunta, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP que fomenta a aprendizaxe conxunta entre o profesorado a través do intercambio de experiencias e a observación entre iguais. Das comarcas figuran o CEIP Plurilingüe Antas de Ulla e o IES Plurilingüe Pintor Colmeiro.
O programa, moi valorado polo profesorado, configúrase como un modelo de formación baseado na observación tanto a nivel interno dos propios centros como en colaboración con outros de dentro e de fóra de Galicia. Isto permite aprender novas estratexias de ensinanza, novos enfoques pedagóxicos e xestión da aula. Isto é, a través da súa participación no programa, os docentes coñecen e comparten outras realidades educativas que despois poden aplicar nos seus colexios e institutos.
Internacionalización
En concreto, o intercambio permite experimentar novas vías de formación do profesorado e favorecer a innovación educativa nos centros, ao tempo que se facilita aos docentes a posibilidade de observar de forma directa metodoloxías nos procesos de ensino-aprendizaxe, xeitos de relación e comunicación ou vías de xestión dos recursos propios e alleos que desenvolven outros centros e impúlsase o traballo en equipo.
Publicidade
Ademais, favorece a internacionalización na medida en que se abren as portas a proxectos transfronteirizos, tecendo redes de intercambio tanto entre docentes como entre equipos directivos de centros con proxectos comúns que propician o apoio mutuo e permanente.
Dúas fases do programa
O programa, enmarcado nas accións de formación do profesorado do Goberno galego, organízase nun itinerario de dous cursos escolares. Ao longo do primeiro curso, desenvólvese a fase autonómica, que vén de resolverse agora e que é obrigatoria para todos os centros participantes. Esta fase divídese á súa vez na etapa Comparte, de observación entre docentes do mesmo centro educativo, e a etapa Acolle, de observación entre centros da nosa comunidade.
No segundo curso desenvolverase a fase interautonómica ou Fase Internacional sendo voluntaria para os centros que a elixan. Na fase interautonómica, a observación realizarase entre equipos docentes con centros educativos doutras comunidades autónomas (Castela e León, Madrid, Estremadura, Aragón, A Rioxa, Murcia e Cantabria) e na fase internacional a observación consistirá na colaboración con centros educativos doutros países asociados (Escocia, Francia, Portugal, Italia, Finlandia, Estonia, Lituania e Alemaña, entre outros).
Publicidade
Un programa consolidado
Tras varios anos de funcionamento, o programa Observa_Acción consolídase con máis de 2.658 profesores e 399 centros participantes. A iniciativa implantouse por primeira vez, con carácter experimental, no curso 2016-17, con seis centros e 30 profesores. Instaurábase así unha nova vía de innovación educativa con intercambios entre docentes de distintos centros co fin de facilitar que observaran de forma directa metodoloxías, enfoques didácticos nos procesos de ensino-aprendizaxe, formas de relación e comunicación ou vías de xestión dos recursos propios e alleos que se desenvolven en colexios e institutos diferentes ao seu, fomentando a aplicación do aprendido despois nas súas aulas.
Podedes consultar todos os centros no enlace https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/008682/total-36-centros-educativos-intercambian-boas-practicas-docentes-fase-autonomica
Kommentare