Ecos da Comarca/Vila de Cruces
A situación do comedor escolar do colexio Cerdeiriñas de Piloño (Vila de Cruces) foi regularizada, e dende onte, venres, ata final de curso, haberá persoal na cociña, tal e como informa a ANPA do centro. O problema xurdiu pola finalización do contrato do cociñeiro debido á Lei 20/2021 sobre temporalidade no emprego público. A Xunta non repuxo o servizo de inmediato, o que causou un agravio importante para toda a comunidade educativa.
Ante a falta de respostas por parte da Xefatura Territorial, o colexio viuse na obriga de crear unha Comisión de emerxencia para buscar solucións. A ANPA enviou unha nota de prensa e posteriormente a Xunta proporcionou un servizo de catering temporal.

O mércores a ANPA convocou unha reunión de urxencia coas familias na que se explicou a situación. "Queremos destacar o agradecemento unánime á dirección do centro, quen fixo unha labor impecable; tamén ao resto do persoal docente e non docente; pois nestas situacións nas que as nosas crianzas parecen ser un cero á esquerda para a Consellería de Educación, é a calidade humana do equipo do CEIP a que nos salvagarda. Tamén se amosou agradecemento colectivo de tódalas familias a Fernando, o cociñeiro anterior, quen se volcou no seu traballo moito máis do que lle correspondía, Fernando formará sempre parte da Familia do Cerdeiriñas", sinala a ANPA.
Publicidade
"O alumnado do centro fíxolle unha grata despedida o seu querido Fernando, porque a comida de Fernado tiña un sabor especial, e El agasallou con xogos de mesa para empregar o alumnado co colexio. Entre as familias do CEIP hai unha unión total, pois todas coincidimos en que non queremos catering no noso colexio. Estaremos á espectativa para iniciar o curso con servizo de cociña, coma sempre se fixo e non permitiremos que un dos puntos fortes do colexio o rouben dende as prácticas dos recortes".
O CEIP Cerdeiriñas, destaca o colectivo, "é un colexio con pouca ratio, ao que acoden as familias que valoran este trato tan personalizado, cun gran traballo pola diversidade, con comida caseira, con proxectos educativos diferenciadores, un ambiente familiar, espazos naturais, Plan Madruga dende as 8 da mañá ofertado polo concello, múltiples programas (nutriescolas, metodoloxías innovadora, pluriinfantil) e o máis importante un persoal educativo dunha gran calidade tanto académica como humana. Destacamos tamén porque a nosa ANPA oferta actividades extraescolares para todo o alumnado 4 días dos 5 que son lectivos, con actividades como teatro, patinaxe e música en movemento, en horario de 16:00 a 17:30 horas, para axudar á conciliación".
Publicidade
Tamén, indica, "facemos proxectos conxuntos co movemento asociativo da zona, como a celebración do entroido, na que grazas a colaboración do profesorado e da familias socias da ANPA, saímos a desfiles dos entroidos da zona, como Merza, Bandeira, Rodeiro, A Estrada e o de Vila de Cruces, con unha carroza realizada pola Asociación cultural Garatuzas de Piloño, co lema de Cerdeiriñas a Flote! e un azulón segundo en cabeza. Esta actividade foi feita para unir máis as familias e disfrutar no Entroido coas nosas crianzas. Tamén a nosa ANPA conseguiu a Subvención de Igualdade da Xunta durante 2 anos seguidos, o cal denota un traballo exemplar en material de igualdade. Hai horta escolar, proxectos de fomento da lectura e das novas tecnoloxías, etc".
A ANPA insiste en que estará atenta aos comezos de curso. Pedirán unha reunión con Xefatura territorial para tratar esta cuestión e tamén retomar a petición dos 2 profesores que lle corresponden por ratios en agrupamentos e necesidades educativas.
Comments