Pídelle ao Goberno municipal que priorice, sobre calquera outra oferta de emprego, sacar adiante as prazas de tres policías locais
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín solicítalle á Subdelegación do Goberno que reforce de xeito imediato o número de efectivos da Garda Civil no posto principal de Lalín. Levará ao vindeiro pleno unha moción para abordar este tema.
Os naiconalistas lembran que o pasado martes, 12 de novembro, coa publicación do Boletín Oficial da Garda Civil, confirmouse, e así o denunciou publicamente o BNG, que no listado de vacantes por unidades non aparece nin o posto principal de Lalín, nin tampouco o de Rodeiro, Silleda ou Vila de Cruces, a pesares do acordado na Xunta Local de Seguridade do pasado mes de setembro. Foi nesa reunión onde o Subdelegado de Goberno, Abel Losada, se comprometeu a incorporar a tres gardas civís en prácticas en tres vacantes ao posto da Garda Civil de Lalín a partir de outubro, en período de prácticas durante un ano. Unha vez rematado ese período, aclarábase, que estes novos gardas terían que solicitar un destino fóra da cabeceira de comarca, "feito polo que desde o BNG valoramos que sería simplemente un parche para o caso lalinense e, por extensión, da comarca".
"Dende o BNG lamentamos que estes compromisos quedasen en papel mollado ao non aparecer ningunha praza vacante para Lalín, de xeito que non contaremos con máis medios humanos e que tampouco chegarán os gardas civís en prácticas cos que se contaba xa no pasado mes de outubro, segundo o compromiso acadado na reunión citada e que evidentemente se incumpríu. Mais incluso a situación actual pode ser aínda peor debido a que se solicitan traslados, ascensos, baixas, etc, o número de efectivos segirá baixando no noso Concello xa que non serán cubertos".
Desde o BNG lembran que "o problema da inseguridade é seguramente unha das cuestións que máis preocupan aos e ás lalinenses, sen que ninguén tome medidas ao respecto, de xeito que a poboación se sinte desprotexida xa que así o estamos todas e todos a diario, debido á nefasta xestión dos responsables locais e estatais. Non entendemos que non se tomen medidas urxentes e se reforce este servizo en Lalín cando as queixas da veciñanza son constantes, cando temos unha soa patrulla da garda civil para todo Deza, coa extensión terrritorial que iso supón e onde temos claro que precisamos tres, sentíndonos abandonadas á nosa sorte, onde en lugar de reconducirse a situación que sufrimos, estase agravando día a día".
Para o BNG o posto principal de Lalín ten moito menos persoal do que necesita, "contando cunha área de prevención con 13 ou 14 efectivos, cando tería que ter un mínimo de 20 integrantes xa que son os que saen de patrulla, o que ocasiona que os tempos de resposta dos axentes sexan moi deficiente ao verse obrigados e obrigadas a cubrir grandes distancias pola dispersión propia da comarca, incluso chegando ao esperpento organizativo de ter que completar parella con persoal de distintos postos".
"É moi importante para nós, abardar canto antes todos estos problemas que estamos poñendo sobre a mesa, e por iso pedimos que a reunión que o Subdelegado de Goberno vai manter cos voceiros municipais (a instancia dunha solicitude saída da última Xunta de Voceiros, e que publicamente agradecémoslle que se constatara) que se adiante e se celebre o antes posible no noso Concello, debido á urxencia do asunto a tratar e ao que agora sabemos que quedaron en meros compromisos propagandísticos e que non se van facer realidade".
A esta dura situación sinala que "temos que engadirlle a posición de pasividade e incluso de negación do problema como foi nun principio por parte do PP de Lalín, ou como non negarse a crear como tamén propuxo o BNG unha Comisión de Investigación do Padrón Municipal, base clara e epicentro de verdadeiras actuacións mafiosas. É unha cuestión de responsabilidade, gobernar e garantir a calidade de vida dos e das lalinenses e a súa seguridade, sexa cal sexa a súa nacionalidade. Para nós é un deber do goberno, sen excusas e sen silencios cómplices, que o único que fan é facer sentir inseguridade á poboación".
Así mesmo, os nacionalistas afirman que "temos un goberno local que actúa a base de improvisación e mentiras, claro exemplo é como seguen ocultando á veciñanza que o anuncio feito polo goberno municipal de sumar tres policías locais novos ten letra pequena, debido o que non dixeron é que vai ter que pasar máis dun ano para que iso por prazos sexa realidade e que no próximo ano e medio vai haber dous policías locais menos por xubilación, o que fai unha resultante de que con vista a máis dun ano a realidade é que só contaremos cun só policía local a maiores dunha máis que mermada plantilla como temos denunciados en moitas ocasións. Mais o peor ao noso entender é que ditas tres prazas están sen convocar a día de hoxe, cando tiveron moitos meses para facelo, é máis, déronlle prioridade a sacar outras prazas como poden ser na brigada de obras ou en cultura, o que evidencia a falta de compromiso real e a incapacidade de xestión do PP".
Publicidade
"O desmantelamento progresivo que este Goberno fixo da Policía Local fai que exista a cifra ridícula e insuficiente de 10 policías locais, que na realidade son menos ao restar en varios meses 1 axente que se adica a ser o cobrador das festas de Lalín na súa xornada laboral, feito este carente da máis mínima ética e idoniedade para dotar de lexitimidade e autoridade a dito corpo local, entendemos que existe, sen ningunha dúbida, persoal moito máis axeitado no concello para exercer dita función. Con 9 axentes o servizo, no peor momento de inseguridade, tradúcese a que só existe policía local polas noites o venres e o sábado, é dicir, que os e as lalinenses estamos desprotexidos 5 noites á semana. A maiores a decisión de destinar un axente para recaudar para as festas provocou que en durante varios meses non houbese policía local durante moitas tardes e algunha mañá".
Polo exposto, o Bloque Nacionalista Galego de Lalín propón ao Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS:
1º.- Solicitarlle á Subdelegación do Goberno que reforce de xeito imediato o número de efectivos da Garda Civil no posto principal de Lalín.
2º.- Que o Goberno municipal priorice, sobre calquera outra oferta de emprego, sacar adiante as prazas de tres policías locais.
3º.- Que o goberno municipal adquira o compromiso de que tan pronto sexa posible en termos legais en base á taxa de reposición ou ben aprobación da RPT, dote á Policía Local dun mínimo de cinco axentes máis.
4º.- Solicitarlle ao Subdelegado do Goberno o adianto urxente da celebración da reunión cos voceiros municipais e que o lugar da mesma sexa o Concello de Lalín.
Comments