O BNG reclama actuar xa ante os prezos inasumibles da vivenda en Lalín
- ecosdacomarca
- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
A fronte nacionalista critica que o Goberno municipal “non teña movido un só dedo” para evitar esta situación
Ecos da Comarca/Lalín
O Bloque Nacionalista Galego reclama actuar dunha vez en Lalín diante dos prezos disparados da vivenda. A fronte nacionalista critica "a inacción do Goberno local" malia a continuada suba dos alugueiros, en particular por “non ter movido un só dedo” desde a aprobación dunha moción do BNG, en abril de 2023, na que se solicitaba a construción de vivenda pública e a posta en marcha dunha bolsa de Vivenda baleira para alugueiros sociais ou asequibles.

“A pesar da propaganda e dos anuncios, o desleixo do Goberno local é tan grave que non foron capaces de executar nin un só dos acordos aprobado para frear o aumento dos prezos do alugueiro e facilitar o acceso social á vivenda”, lamentou a Responsable Local do BNG, Mari Fernández, acusando tamén á Xunta de Galiza pola súa “nula política” en materia de vivenda.
Publicidade
A nacionalista advertiu do aumento exponencial dos prezos dos alugueiros durante os últimos 12 meses. “Prezos imposibles que se engaden a unha oferta cada vez máis reducida ou case nula”, alertou.
Fronte a esta situación de “emerxencia habitacional”, dende o BNG volveron urxir a Crespo para que actúe xa. “Continuar nesta política de brazos caídos converte o Goberno local en parte do problema, cando os lalinenses e lalinensas merecen un Concello que sexa parte da solución”, demanda María Fernández "ante un dos máis graves e importantes problemas en Lalín, especialmente para as familias de menores recursos e a mocidade"-
Publicidade
Por estes motivos, a nacionalista considera “impresentable” que o Goberno de Crespo non teña avanzado en medidas que frenen a inasumible realidade dun aumento do 20% do prezo da vivenda no último ano en Lalín. Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estadística (IGE) o 28,19% das 11.731 vivendas de Lalín están baleiras, son en total 3.307, ou o que é o mesmo, 3 de cada 10. A media de vivendas baleiras en Galiza é do 18%, co que o parque de vivendas de Lalín supera en 10 puntos a media galega. Dos concellos da súa categoría Lalín é, en todo o país, o que ten máis vivenda baleira.
Para o BNG a vivienda non é só unha competencia senón unha responsabilidade, e por iso consideran que é responsabilidade do Concello liderar e coordinar todas as actuacións que se fagan neste eido. Mari Fernández asegura que “as nosas prioridades pasan por solucionar o problema da vivienda aos sectores en situación máis precaria, mellorar a calidade das vivendas actuando sobre a rehabilitación e impulsar as cantidades e tipoloxías de Vivendas de Protección Oficial e Promoción Pública, especialmente en réxime de aluguer”.
Comments